Tomando café no Pereira, e rodeado de xente barulleira, descubrino: ¡Xa sei de onde lle veu o “Segredo do humor” a don Celestino: levouno de aquí seu pai, precisamente desta casa, destas pedras berroqueñas!
Celestino naceu en Friol, no ano 1915, ¡estamos no seu Centenario!, pero o zume levouno de aquí, de Castroverde, pois seu pai, veciño que foi noso, naceu e criouse en Castroverde. Nado no 1862, Higinio Fernández de Vega Pasarín, aquí exerceu a avogacía, e tamén foi xuíz municipal; preparou Notarías, e tocoulle Friol, ¡tiran máis dúas tetas que dúas carretas!, así que a muller levouno para a terra do Frío. Nada teño contra os de Friol, que sempre me trataron ben, pero neste caso ¡usurpáronos! ao Celestino, por unha simple cuestión de Rexistro Civil.
Que herdou do pai, seguramente con xenes de preferencia, témolo demostrado en que don Higinio deixou publicada unha boa serie de poemas festeiros, en Monteira, baixo o pseudónimo de Pepe das Festas. ¿Caben mellores probas do seu humor familiar, e do entronque desa idiosincrasia?
Para don Celestino o humor, o noso, o galaico, máis suevo que romano, defínese perfectamente nestes parágrafos do seu libro “O segredo do humor”, que lles recomendo aos rapaces do meu / do noso Castroverde, que non deixen de lelo, ¡para que non se perda esa vea, tan nosa! Di, entre outras mil cousas excelentes e certas: “… está claro que non queremos dicir que o humorismo sexa unha panacea: é cousa que, como todo, ten as súas posibilidades e os seus límites. Para non transgredir estes fai falla que o humorismo sexa comprensivo: o humorista parte do suposto de que as cousas teñen dúas caras, e que son equívocas e conflitivas; pero hai casos en que isto non é certo. Hai cousas inequívocas: tales a verdadeira traxedia e a verdadeira comicidade. Esas cousas, eses casos límites, o humorista ten que respectalos”.
Isto de aperitivo, que tomado no Pereira aínda sabe mellor.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta