VOLUNTARIADO PARA A RECUPERACIÓN DO CAMIÑO PRIMITIVO EN TOQUES (A CORUÑA)

Toques, a 16 de novembro de 2010.-

Voluntarios de ADEGA e as asociacións constituíntes do Foro do Camiño Primitivo, en colaboración co Concello de Toques e veciños da comarca, promoven para o sábado día 20 de novembro unha actividade de campo consistente na recuperación e sinalización dun treito da calzada histórica do Camiño de Santiago no Concello de Toques (A Coruña).

A programación urxente de ditos traballos prodúcese como resposta á calamitosa actuación oficial do Xacobeo que nos últimos meses veu investindo cuantiosos fondos públicos na consolidación dun longo desvío falsificado do itinerario histórico da rota xacobea mediante a apertura artificial dunha estrada e o seu afirmado con varias toneladas de grava, así como a colocación de fitos de formigón para o desprazamento dos peregrinos, no canto de se esmerar na conservación do vieiro orixinario e milenario da vía primitiva a Compostela, a variante máis antiga do Camiño Francés.

A actividade desenvolverase o sábado día 20 nun treito duns 300 metros entre as parroquias de Santiago de Vilouriz e de Vilamor, coincidindo co lugar da Pena Ferrada, emblemática rocha cargada de simboloxía na memoria oral da Terra de Melide, descendendo a media ladeira cara poñente polo monte da Pedrosa, deica a ponte medieval de Xancabo sobre o río Lagares, e incluirá labores de limpeza da calzada e as súas marxes, roza, poda de árbores a carón e restauración do paso para os camiñantes seguindo as pegadas históricas e as rodeiras dos carros do país.
O grupo de voluntarios e voluntarias partirá as 11.00 horas desde a Praza do Convento do Concello de Melide cara ao lugar de actuación. Para participar é preciso chamar previamente ao 982240299 ou 638475322.

Actuación oportuna
Esta actuación “in situ” que pretende reafirmar dun xeito práctico o principio fundamental, segundo o cal, debe ser o rigor histórico quen determine legalmente a delimitación oficial das rotas con recoñecemento documental, concretándose tecnicamente a realidade xeográfica e autenticidade de cada tramo (criterio esencial na súa declaración como patrimonio mundial pola UNESCO), coincide coa exposición ao público do expediente de delimitación do Camiño Francés.

Con esta actuación, os colectivos participantes poñen de manifesto que non permitirán novas adulteracións do itinerario físico nos camiños históricos, nin a creación de vías alternativas sen o necesario aval científico ou a postergación da calzada primitiva, lembrando que estes feitos veñen precedidos polo gravísimo atentado que no seu día destruíu o camiño empedrado nas inmediacións da Pena Ferrada (pola Leira das Calzadas e O Francés), debido ás obras de apertura dunha estrada por este mesmo itinerario, aproveitando fondos europeos do Plan Leader Plus Portodemouros para destruír o patrimonio camiñeiro, iniciativa bochornosa que foi responsabilidade do anterior equipo de goberno do Concello de Toques e do seu ex-alcalde.

A todo isto súmase a satisfacción pola recente sentenza do Tribunal Supremo contra o proxecto de explotación dunha mina promovida pola empresa Cuarzos Industriales S. A. nos lugares de Merlán e Hospital do territorio histórico do Camiño Primitivo ás portas da Terra de Melide, facendo prevalecer a tutela do medio ambiente e a defensa da cultura sobre os intereses especulativos, resolución que consideramos exemplarizante.

ROTEIRO E MAGOSTO
Xa pola tarde, ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo visitarán a Aula da Natureza de Souto e realizarán un roteiro polo Camiño Primitivo a través do “Marco do Careón”, situado no límite da Dorsal galega entre Toques e Palas de Rei.

A xornada rematará cun magosto na Eira da Xoana, centro de recuperación da cultura popular de ADEGA, situado na parroquia de Ramil (Concello de Agolada), no que ademais das castañas, se poderán degustar empadas e queixos da zona e se gozará da música tradicional Xornada etnográfica e de lecer no Alto Ulla.

-RECUPERACIÓN dun treito do Camiño Primitivo en Toques.
-ROTEIRO pola Vía Primitiva no Marco do Careón.
-MAGOSTO na Eira da Xoana.

PROGRAMA

Sábado, 20 novembro
11.00 h.
Recibimento dos participantes na “Praza do convento” de Melide e saída cara o lugar dos

traballos, na paroquia de Vilamor (Toques).
Tarefas: desbrote, limpeza da calzada, eliminación de atrancos da calzada, pequenas podas,
sinalización do itinerario clásico con frechas amarelas, colocación de rótulos informativos.
14.00 h.
Xantar: cadaquén pode levar o seu xantar ou comer na Tarberna “O Carburo” de

Vilamor, ao pé do Camiño Primitivo.
15.00 h.
Visita á “Aula da Natureza” de Souto.

15.30 h.
Roteiro polo Camiño Primitivo até o Marco do Careón, no límite da “dorsal galega”

entre Toques e Palas de Rei.
17.00 h.
Trasladámonos á Eira da Xoana (Ramil-Agolada), onde celebraremos o magosto

con castañas, empadas e queixo da zona, rematando con actuacións musicais xa pola noitiña.

NOTAS.- * Traer calzado axeitado, ganas de traballar, camiñar e farrear. Quen poida que traia

tamén unha fouce. E quen queira pode traer tamén o seu instrumento musical e… non vos
preocupedes polo bo humor: pómolo entre todas e todos.

*Aportación solidaria para o Magosto: 5 € ( socios: 3 €).


PARA PARTICIPAR EN CALQUERA DAS ACTIVIDADES CHAMAR ANTES DO XOVES

18 AO: 638475322, ou 982240299.

Organizan:
ADEGA e Foro do Camiño primitivo

.