A ELOCUENCIA DA MICROTOPONIMIA

Non falan as fincas, pero fala o seu nome. ¿Falan? ¿Quen, cómo, con quen, e para qué? Hai pouca escritura sobre a nomenclatura dos lugares e das fincas que nos son propias, pero sobra acerca de países que nos son alleos, ou que o eran antes da actual globalización. Tanto a historia local como a familiar foron a menos nos últimos anos: No rural, cando chega a Concentración Parcelaria a unha parroquia é como se a levasen ao hospicio. ¡Pérdese a historia familiar, e no seu lugar aparece a nomenclatura xeométrica: Zona X, Polígono Y, e parcela Z! ¡Adeus referencias toponímicas!

-¿Isto das “Andoriñas”, a qué vén, ou de onde vén?

-¿Qué fan as andoriñas cando están insatisfeitas do ambiente circundante? Emigran; van e volven, pois coa emigración non perden as querenzas territoriais!

Os curas levan os rexistros familiares da súa parroquia, ¡eles, si!, e incluso houbo un, aquí ao lado, Nicanor Rielo Carballo que escribiu un libro amorosiño da súa “Microtoponimia de Arcos”. Pero no demais nótase unha friaxe parental, e non só con respecto ás leiras nutricias senón, e tamén, do propio avoengo familiar. ¿Cantos quedan neste país que coñezan os nomes de seus tíos avós? A maior parte deles non coñecen nin aos primos terceiros, e menos mal, menos mal, que seguen celebrándose as festas patronais para invitar a algún que outro parente; iso si, nas necroloxías adoita poñerse o alcume da casa…, para que recoñezan ao morto, para que non lles falte ninguén!

Algo queda, algo hai, xa que nas parroquias deron en competir nos seus mausoleos marmóreos, que así, polas lápidas, a veces ata é posible reconstruír algunhas nomenclaturas familiares.

En canto ás leiras e aos lugares tamén observamos unha certa desinformación, seguida ou complementada por unha deformación. Nos lugares, por castrapeo: Magide por Maxide; Souto de Torres por Souto das Torres; Nigela, por Nichela (terra propicia para ela), con un longo etcétera.

¿Das leiras, qué? ¡Que tenden a cero; uns, porque non as precisan, e outros porque prefiren os traballos máis incómodos, insás e perigosos da cidade a unha colleita farturenta! Téñome atopado con rapaces que nin saben onde teñen os marcos as leiras de seus avós, para canto máis os nomes delas, e iso que todas tiveron principio e motivación: terras decruadas, suadas, labradas á man, coa aixada, co sacho, co arado romano, vellos e nenos, mulleres encinta, homes que volvían derreados da emigración, ou das guerras…; regadas, por tanto, coas suores resignadas e sacrosantas dos nosos entregos, que buscaban, que lle pedían á súa terra non só o pan de cada día senón, e tamén, o da súa descendencia, así que, como tales, o menos que podemos facer é telas na estima correspondente, e os seus nomes nun relicario.

Xosé María Gómez Vilabella