¿Qué traerían, e qué recibirían do noso, nas alturas da Idade Media?

Eduardo Carreira, cos seus alumnos, na Fonte do Peregrino.

Benquerido Carreira, que no Ceo estás pois non hai Mestre da túa dignidade que non o leve merecido: Conservo, como ouro en pano, as túas, “Sementeiras”, ¡tanto que sementaches no noso Castroverde!, e dunha delas, da núm. 17 (1992/93), tiro esta foto na que lles estás explicando, ensinando, cousas do Camiño aos teus alumnos. Pois ben:

Seguro que lles falaches de cousas interesantes, pero eu, de ser dos teus, houbéseche preguntado precisamente isto, o de traer e levar, porque moito falar de Santiago, ¡e teno merecido!, pero pouco se leva dito das achegas dos / e cos peregrinos. ¡Viñan de terras tan diferentes, que moi variada debía ser a súa taleiga cultural!

Para entrar en materia: A súa despensa. A imaxinería evocou aos peregrinos simplemente coa garrocha (báculo ou bastón) e maila cabaza da auga, defensa e sede, pero fáltanos o manducatorum! Lebres, coellos, perdices, xabarís, e tamén algún cornúpeta. Legumes e froitas, alternándose segundo a estación, que a fertilidade do noso chan sempre as tivo en abundancia; quere dicirse, antes da invasión dos…, dos eucaliptos, por suposto! As troitas, coas legumes e mailas froitas, ben se collen á man, pero, a caza? Eu, de rapazolo, participei nunha cacería pedestre, aí por tras de Paderne, e collemos unha xineta preciosa, que lla regalamos a unha rapaza para que se fixese unha bufanda; simplemente a golpes de aguillada…, porque o animaliño, indefenso, empapuzou na neve! Pero non sempre tiveron neve no Camiño.

Outra pregunta conexa é, ¿cómo, e onde, facían o lume, pois os hospitais de peregrinos tardaron en vir! Para daquela xa se descubriran os chisqueiros de ferro aceirado contra pedernal, e seixos tiñamos a escoller, igual que pasa coa esca.

Cordeiros, cabritos, leitóns (da casa e do monte), corzos, etcétera, todos valen, e están riquísimos, á brasa, que iso de asar nas grellas non é precisamente un invento pampeiro, por máis que o puxesen de moda os arxentinos. A tal momento estoume lembrando dun saharaui, de Saguia el Hamra, (árabe: الساقية الحمراء ), que nos invitou a cear a mellor carne de cantas levo probadas. ¿Cómo a preparou? Pois, máis ou menos coma calquera peregrino medieval: Fixo lume nun oasis, que o cordeiro tíñao sacrificado da véspera, (de cara á Meca, e pronunciando as verbas de ritual, sen dúbida). Quitáralle a pel, a cabeza, o rabo, e mailas vísceras, así como os pezuños. Cando tivo brasas abondosas, cavou ao lado, como para enterrar un caldeiro, pero o que soterrou foi o animalciño envolto coas brasas e coas areas ardentes daquela pira. Isto xa o fixera de mañá, así que, á tardiña…, veña chuparnos os dedos! ¡Que si, pois cos dedos é como se come no deserto, que mellores garfos non hai!

Nas esculturas non quedou sinal das armas de caza usadas naqueles tempos (arco das frechas, espadas, tirafondas…), pero algo temos no Códice Calixtino, onde o monxe Aymeric Picaud, do século XII, deixou constancia das distintas formas de comer, costumes, protocolo de mesa, etcétera, así que, do país, e dos paisanos, recibían, pero tamén daban, que non hai interferencia sen interacción.

En definitiva, que o seu paso pola bisbarra foi positivo: Aproveitáronse do que nos sobraba, pero a cambio deixáronnos o que non tiñamos. Grazas, Señor Santiago, por aquelas doazóns!

Xosé María Gómez Vilabella