ORA ET LABORA

Daría o que me reste de vida por vivir un día na sotana dun Dominico, e con eles, coma eles, predicar o seu, Ora et labora, coa falta que diso temos!

¿Qué aprendemos dos nosos frades de Montecubeiro, algún deles tan ilustre coma o que chegou a ser Cardeal Gil? ¡Case nada: a erguernos sobre nosoutros mesmos! ¿Cómo? ¡Orando e laborando, a imitación súa!

Os pobos incultos non son, nin poden ser, libres. ¡Que ben o sabían aqueles levantiscos, aqueles “Alzados”, do 36, tan desazonados á vista do nivel cultural que estaba acadando Montecubeiro, primeiro cos frades, e despois con aqueles “Mestres de a ferrado”, coa Biblioteca circulante da súa Unión, e uns cantos etcéteras!

Pero só se é culto, e tamén laborioso, en relación cos veciños, e quen di veciños tamén di países. É importante, pero non definitivo, proceder de casa rica, de concello rico, de país rico; precisamente a análise comparativa de persoas e de países dinos que onde escasean os recursos naturais, Suíza, Finlandia…, a xente esfórzase máis. Todo na vida, comezando, ou seguindo, polo deporte, ¿qué é a vida senón unha competición indefinida?, require adestramento, adestramento e frugalidade.

¿Qué fixeron aqueles frades asumindo, executando, o seu propio lema? Coa oración alzaban ao pobo, aos seus fregueses, por riba dos montes máis altivos: Plus ultra, máis aló, máis arriba. Co traballo, coa laboura, converteron en pataqueiras as abas deles, hoxe tan dexeneradas que están, a silvas, a toxos, a salgueiros…

¡Que oportuno sería izar, de novo, aquel lábaro, aquel lema sacro, nestes momentos de crise, unha crise xeneralizada, na que nin rezamos nin…, nin temos onde laborar…, no que xa estabamos afeitos! Non rezamos porque, de tantos bens que tivemos a últimos do XX, a soberbia levounos a crer que, sendo deuses todos e cada un de nós, para qué invocar, para qué pedirlle ao Supremo? E non laboramos, ou pouco, porque, ao vernos con un certo nivel de comodidades, fóronsenos as iniciativas, tanto as propias coma a de esixir aos nosos mandantes, aos nosos delegados, que…, que aprendesen a mandar!

César cabalgaba no seu Genitor, pero seguíao, víase secundado, polo inseparable SPQR, Senatvs Popvlvsqve Romanvs. ¡Co Senado, si, pero tamén co populus, co pobo! Sendo tan elemental, ¡que pronto o esquecemos! Quen se adocena, quen non se esixe a si mesmo, mal pode esixir aos seus Delegados: ¡é que nin se nos ocorre!

César, montado no seu Genitor, avanza; e con el, Roma.

Xosé María Gómez Vilabella