CONVOCATORIA DO CLUBE DE LECTURA “ARUMES” DO CORGO
A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito dos tres primeiros libros do club de lectura:

“Limpeza de sangue” de Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro no 2005 e Nacional de Literatura no 2007): agosto de 2009.
“Cando petan na porta pola noite” de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura no 1995): decembro de 2009.
“Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros (Premio Fundación Caixa Galicia no 2009 e The Withe Ravens no 2010): xuño de 2010.

afronta con gran ilusión esta cuarta etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é “Das cousas de Ramón Lamote” (1985) do lucense Paco Martín co que obtivo o Premio Nacional de literatura infantil en 1986 e unha mención na lista de The Withe Ravens. Dun xeito opcional os socios tamén teñen a oportunidade de ler e comentar o libro “Das novas cousas de Ramón Lamote” (2010), por ser unha continuación do primeiro.

O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autor levarase a cabo o VENRES, 18 DE MARZO DE 2011, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Paco Martín.

Nacido en Recatelo (Lugo) no 1940, Paco Martín exerceu de mestre de educación primaria durante catro décadas ata a súa xubilación no 2000. Do que nunca se retirou foi do mundo das letras converténdose nun dos máis grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega. Paco Martín tamén destacou no mundo da etnografía con diversas publicacións, así como a súa faceta de columnista en varios xornais galegos. Recibiu tamén os premios “O Barco de Vapor” no 1984 e o “Puro Cora” de xornalismo no 1994.