Mobilizacións 17 de maio.
Queremos Galego! 17 de maio de 2014.  Un paso adiante e outro ADIANTE, Galiza. Defendamos o noso idioma. Ás 12 horas, multiplicámonos por oito.  
Ás 12 horas, multiplicámonos por oito.
A Coruña: A carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga)
Ferrol: Praza de Armas
Foz: Praza do Conde de Fontao
Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
Ourense: Alameda – Xardíns Bispo Cesáreo (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor)
Pontevedra: Praza da Peregrina
Santiago: Porta Faxeira.
Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte


Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”
Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar  que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras,  impostas e alleas,  para se mover libremente polas diversas estancias.
Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade  foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.
A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.
O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días,  a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.
Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo;  mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.
Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:
Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular  escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente,  e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística,  aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.
Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.
O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir nomeando o mundo desde nós.
Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.
Viva a lingua galega!
Fagámola vivir e ser útil!
É tempo de falarmos: somos nós!
Queremos Galego multiplica por oito as mobilizacións do Día das Letras
Queremos Galego multiplica por oito as mobilizacións do Día das Letras
Publicado o 21 de Abril de 2014 por Queremos Galego
Marcos Maceira: “O PP quere criminalizarnos e que non se ouza a nosa voz, a nosa resposta é multiplicar as manifestacións e concentracións do 17 de maio”
 Carlos Callón: “Hai que mobilizarse contra este goberno de dráculas”
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2014.- A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades so o obxectivo de defender a lingua de Galiza, deu esta mañá unha conferencia de imprensa para presentar a “mobilización expansiva” que van realizar nas sete cidades galegas e en Foz o vindeiro 17 de maio ás 12 h.
Marcos Maceira, que é membro da xestora de Queremos Galego e que desde o vindeir_DSC0110o sábado 26 asumirá a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, puxo a énfase en que “calquera adianto no país conta sempre coa situación do idioma”, pois “a lingua non só é un baremo da situación xeral da nación, senón tamén unha ferramenta que permite avanzarmos conxuntamente e que ninguén fique atrás”.
Maceira laiouse de que “das exitosas mobilizacións que tivemos nestes anos en defensa do galego a única resposta que tivemos do Executivo é unha proposta de sanción económica”. No entanto, o activista exclamou que “as tentativas do PP por criminalizarnos e por facernos calar van ter agora unha resposta clara e contundente: a multiplicación por oito das nosas mobilizacións”. “Convidamos a toda a xente que ame a lingua galega a que participe”, concluíu.
Carlos Callón, que continúa a ser presidente da Mesa até a Asemblea Nacional que se realizará o vindeiro sábado, animou tamén “o conxunto da sociedade galega” a participar “nas mobilizacións expansivas contra este goberno de dráculas, que nos chuchan a economía, a poboación e tamén a lingua”. Ao respecto, o activista apuntou que “Feijóo actúa como un capataz para converter Galiza nun almacén de obra barata e recursos para malgastaren, mais Galiza non é un almacén: é unha nación, con lingua propia, e imos saír a exclamalo as veces que fixeren falta”.
O tamén portavoz nacional de Queremos Galego destacou que “a sociedade galega protagonizou nos últimos tempos as maiores manifestacións en defensa dunha lingua que se deron en Europa e, até onde sabemos, no mundo” e confía en que as manifestacións e concentracións do próximo Día das Letras “continúen nese camiño, sendo unha nova mostra masiva de dignidade”.
Pola súa banda, a coordinadora da plataforma, Susana Méndez, explicou o lema desta convocatoria, que é “Un paso adiante e outro adiante, Galiza”, co cal se reformula “o comezo dun inmortal poema de Díaz Castro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras”. Méndez salientou que “hoxe é máis necesario que nunca moverse en defensa desta lingua milenaria” e que Queremos Galego fará todo o que estea na súa man “para que o noso idioma deixe de ser estranxeiro na súa patria” e dea “pasos adiante que contrarrestren tantísimos pasos atrás”.