As Parroquias
San Cipriano, patrón de Montecubeiro |
¡Parroquia, paroikía, concepto sacrosanto, e como tal, digno, merecente de ser cultivado e coidado! A parroquia fíxonos, e por tanto, parroquia somos: ¡Dende a pía bautismal, nada menos!
Neste país, as primeiras parroquias foron os castros, pero despois viñeron aqueles desafiuzamentos dos depredadores romanos, ¡70.000 libras de ouro arrincadas da nosa Gallaecia, nun ano, e transportadas a Roma, á Casa Grande, segundo Plinio! Non quedaron os castros baleiros, en xeral non, pero os que tiñan músculos pasaron a lucilos no Lucus de Augusto, ¿ou quén lles ía facer esa caixa redonda, xigantesca, esa cova de Alí Babá, tan urxente e tan necesaria que foi para evita-lo extravío daquel ouro tan…, tentador?
Seguro que no ínterim araron as mulleres, como pasou na do 36; ¡e de noite, fiaban, ademais doutras funcións propias do seu sexo! En paralelo, os druídas estudaron para crego, na escola de Santiago, ¡que xa daquela era universal, universitaria! Retornados aos núcleos de procedencia, agora cumpríalles bautizar, crear parroquia, encabezalas; fixeron moitas, ¡3.781 chegou a ter Galicia!, porque non todo o mundo dispoñía de cabalos para ir lonxe aos cultos, para visitar centros parroquiais illados. ¡Os cabalos, coma o ouro, criábanse en Lugo, pero acababan en Roma!
Os suevos inventaron os cultos de tarde, a segunda rolda, rotándose para muxi-la vaca, e atende-lo xatiño, e face-lo caldo…, moda, costume, uso ou necesidade, que chegou a moitos de nosoutros, onte mesmo. ¡A Misa de tarde, a da mocidade!
A todo isto, segundo a tradición, o meu Montecubeiro foi abandonado cando se esgotaron as minas, maiormente as do famoso Eiladrán, pero non definitivamente xa que reunía condicións excepcionais para acoller ermitáns. Igual comezaron pola Valga do Santo Estevo, fonte, soutos, etcétera, pois darlle o nome do protomártir indica que iso foi remotísimo, dos primeiros lugares con advocación relixiosa, recollida acaso do propio Santiago.
Cando se foron facendo co terreo, segundo ampliaban as rozadas, decatáronse de que precisaban unha atalaia para controlar a tantos braceiros, así que achantaron un nome de categoría, outro, medio a medio do Couto: ¡San Cibrán!
Este nomeamento, esta elección, non foi gratuíta; nin gratuíta nin aleatoria; case me atrevería a dicir que foi unha reacción fronte ás tiranías romanas: ¡San Cibrán era cartaxinés! Nado en Cartago no 200, Thaschus Caecilius Cyprianus abxurou do paganismo romano aos 35 anos, converténdose ao cristianismo tan pronto tivo oportunidade de coñecer a fondo a doutrina dos mártires. Foi ordenado bispo por aclamación popular, en mérito á súa sabenza e ás súas virtudes. Virtuoso e sabio, tiña que acabar como acabou: ¡mártir! Pero mentres o deixaron vivir, el non deixou de predicar, dándonos unhas leccións teolóxicas que aínda hoxe son dignas de tomar en consideración pola fondura do seu pensamento; en particular, a súa esexese do Noso Pai, a virtude da humildade, a conformidade coa vontade de Deus e mailos bens da paciencia.
Cun Patrón da maneira, podía ser outra a historia de Montecubeiro, a historia dos seus afillados?
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta