16 de setembro de  2011. ADEGA vén de denunciar a existencia de determinadas  “instrucións técnicas” no servizo de Conservación da Natureza  da Coruña con criterios e procedementos para autorizar actividades que  comprometen a conservación de hábitats e especies protexidas. Rozas de  matogueiras, talas de bosques de ribeira, avaliación  de parques eólicos ou actividades deportivas sobre  hábitats prioritarios despáchanse mediante estas instrucións, moitas  veces con criterios contrarios á conservación, mesmo aos recolidos no Plano de Director da Rede Natura 2000. Ademáis, as  “instrucións” non figuran publicadas en ningún boletín oficial,  carecendo portanto de validez legal. Aplicando estas normas “alegais” a Xunta  está a autorizar talas de bosque de ribeira, rozas e queimas de breixais  protexidos, circulación de quads e todoterreos sobre dunas e turbeiras, sendo  ademáis a excusa perfecta para eludir a tramitación ambiental de ducias de parques eólicos. 
Cada instrución técnica da Xunta, nun pulcro  español, establece criterios de avaliación e de xestión que serían máis acaídos  dun Regulamento ou Orde, pero non dunha instrución. Modificar através deste  instrumento o alcance dunha Directiva (de Hábitats, de Aves…), Lei (de  Conservación da Natureza, da Biodiversidade) ou Decreto (de especies ameazadas,  por exemplo) é unha acción fraudulenta que podrería beirar a prevaricación.  Atendendo ao artigo 21 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das  Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, estas as  instrucións deberían estar cando menos publicadas nun boletín oficial.  En  consecuencia, todas elas carecen de validez legal. Quen as aplique podería estar  cometendo unha ilegalidade, sendo igualmente ilegais e nulas todas as  autorizacións e intervencións realizadas baseándose nestas instrucións. 
 O realmente preocupante é que maioría dos criterios establecidos  nestas “instrucións” son contrarios ás normas básicas de conservación, de  xestión de hábitats e especies e de avaliación impacto ambiental, e mesmo os  establecidos no Plano Director da Rede Natura 2000 recentemente aprobado pola  Xunta. Están deseñadas para eludir a “afección significativa” de determinadas  actividades sobre o patrimonio natrural; sexan talas en     bosques de ribeira (1.16 Mb) (centos  de cortas autorizadas nos ríos da Coruña), rozas de matogueiras, probas  deportivas, e competicións sobre hábitats protexidos, alén de parques  eólicos.  
Precisamente, no tocante aos     parques eólicos  (312 Kb) os criterios  formulados na instrución en ningún momento aseguran o mantemento dos hábitats,  das especies ou da paisaxe. Estan formulados para eludir a necesidade de  realizar estudos de impacto e permitir a construción de parques en calquera  parte, mesmo na Rede Natura ou nun Parque Natural ou Nacional. .  
A instrución sobre as     matogueiras (285 Kb) semella destinada a eludir  a protección que estes tipos de hábitats (moitos deles prioritarios) teñen na  Directiva 92/43 CEE. Mesmo pódense autorizar desbroces sobre hábitats con  presenza de flora  vulnerábel ou en perigo de extinción como os endemismos   Santolina melidensis,  Armeria merinoi,  Iris  boissieri,  Eryngium viviparum ou  Leucanthemum  gallaecicum. Trátase de dar prioridade á explotación destes recursos fronte  á súa conservación. A consecuencia: unha importante perda de superficie destes  hábitats en moitos LICs da Coruña, como a Serra do Careón, O Forgoselo, a Costa  Artabra ou a Costa da Morte.  
 E a instrución referida ao     uso público (221 Kb) quizáis  a máis sangrante, nin siquera avalía a capacidade de carga das áreas afectadas.  Establece unha serie de criterios arbitrarios que non garanten un estado de  conservación favorábel dos compoñentes da biodiversidade. Moi ao contrario: da  súa aplicación pódense desprender afeccións moi significativas. Por exemplo, hai  excepcións que permiten actividades con veículos a motor fóra das pistas (4×4,  “quads”) dentro de hábitats protexidos “sempre que non afecten á canle do río”.  No entanto, é posíbel autorizar estas prácticas sobre humidais (turbeiras,  xunqueiras) ou dunas que non estén dentro da Rede Galega de Espazos  Protexidos.  
ADEGA descoñece se estas “instrucións” estanse a  aplicar tamén fóra da Coruña. En todo caso, os responsábeis de conservación da  Xunta deberían clarexar os seguintes estremos: Cantas “instrucións técnicas”  destas hai, sobre que aspectos e en que provincias? Quen é o autor/es, con que  autoridade actuaron e que organismos científicos foron consultados? Foron  autorizadas polos responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza?  Comunicouse á Unión Europea que se están a aplicar?. Por que non se recolleron  no Plano Director da Rede Natura? Os redactores deste Plano Director coñecían  estas instrucións?. 
ADEGA esixe á Dirección Xeral de Conservación que  de entrada, anule a aplicación destas “instrucións técnicas” e incoe os  oportunos expedientes para depurar responsabilidades. Non é de recibo que a  Xunta, con actuacións coma esta, estese a convertir no principal axente de  degradación do noso patrimonio natural. 
 | 
Deixa unha resposta