Rapaces, o labrego despídese; o gandeiro, nesta bisbarra, de momento, non. No sucesivo importaremos, ¡que divisas sóbrannos!
Nós, os que estamos en idade de testar, acollémonos á vosa audiencia para deixar constancia do noso paso polas agras de Castroverde. Para iso vaia por diante a nosa filiación: Somos os sucesores daqueles maiores, daqueles aos que Astete denominaba, Maiores en idade, dignidade e goberno. Pois ben, de presentados, acudirei ao refrán que afirmaba que, Pai vello e manga rota non son deshonra. Isto da manga rota non require comentario xa que os folgazáns, todos eles, conservan a roupa impecable, non precisan remontes. Isto ten a súa filosofía, o seu aquel. Un pai, un vello, e quen di un pai, á nai inclúe, ámbolos dous, nunca deshonran, nunca deshonramos, que se en algo desvariamos, ou se en algo nos torcemos ou disparatamos, tamén pode ser por culpa desa canle, dese rego sanguiño, cerebral, que seica se atoa cos anos. Por iso, máis que dos presentes, que sería unha certa egolatría, quero referirme neste mes de Defuntos aos ausentes, aos devanceiros, aos nosos vellos, aqueles que nos criaron, que nos educaron, que nos aconsellaron e coidaron; quero evocalos, aquí e agora, para dedicarlles a ofrenda dunha evocación colectiva, xunto co mozo lector, a todos eles, á súa memoria, á súa lembranza. E tamén, por extensión, a esta mocidade que nos aguanta tal e como somos, precisamente por vellos, cos anos en riba, que é do único ou do que máis presumimos, neste xúbilo tan xubiloso e tan honroso dos xubilados, dos cedentes do facho, dos dadores da testemuña xeracional.
A VIDA É UNHA CARREIRA DE OBSTÁCULOS, unha ximnasia permanente, para competir, para manternos en forma; unha loita esforzada, unha proba de relevos. Recibimos o fachuzo no mesmo colo da nai, e despois, todo seguido, preséntase o pai, de consuno, para comparti-la crianza, primeiro nos brazos, e despois da man, sempre da man. Tras diso vén a escola, o ensino, os consellos, a carteira sempre aberta para subvir as necesidades de cada intre. Toda unha vida cedendo, dando, transmitindo, neste relevo xeracional, amoroso e permanente, que así é a historia, unha sucesión de crianzas abríndose paso, transitoria, transicionalmente, amparándonos nuns e amparando aos outros,. Nesta panorámica, nesta transcendencia, canto digamos e fagamos ten algo de facho, ou mellor dito, queremos que teñan, gustaríanos que o teñan, que proporcionen un certo estímulo ás xeracións relevantes. Dalgún xeito, máis ou menos explicitamente, estámoslles dicindo, Rapaces, vedes que aínda somos capaces de facer algo útil, e incluso cousas divertidas, aínda que alguén, por aí adiante, xa nos dea de baixa por obsoletos, por carrozas. A nosa historia, en tanto en canto factor estimulante, podería tabularse, podería concretarse, así: Criámonos nas miserias dunha guerra tan estúpida que ninguén se molestou en explicárnola, simplemente porque non tiña, non tivo, explicación lóxica, e partimos, procedemos, polo menos unha maioría, dunhas escolas miserentas, invernais, descontinuas, aquelas da pizarra de lousa, máis con iso e con todo, ou se cadra precisamente por iso, porque nos vacinou aquela austeridade estremosa, espartana, de pan e touciño, fortalecidos, temperados, nunha serie de privacións, vigorizados naqueles acatamentos respectuosos, curtidos naquelas carencias nas que só sobraban as molleiras, fomos capaces de chegar ao que chegamos, o que chegastes, o que evolucionastes. Pois ben, neste relevo actual, con estes antecedentes, a nosa consigna nesta entrega do facho aos mozos, coido que pode ser, que debe ser, un prego, unha invitación, para que avancen eles, todos eles, un pasiño máis, para que nos adiantedes, canto poidades, canto queirades, xa que vos elevamos, en parte co noso esforzo, ao andar seguinte, catro escaleiras, máis ou menos, catro zancos por riba de nós, así que é xusto, parece xusto, que nos pasedes, que levedes para adiante o voso propio paso, co honor debido, e así ata o relevo seguinte.
Certo é, tamén, que tivemos os nosos erros, as nosas caídas, catro desalentos, pero con iso e con todo esta xeración, a nosa, a dos vosos vellos, nacida, criada, nas miserias ás que aludín, fixo, fixemos, certas valentías, que ben nos decataremos diso a pouco que lembremos, que sopesemos, o noso balance, partida por partida. ¿Quen se lembra, hoxe, de que na nosa infancia, moitos de nós, andamos nos terróns, queimando nas tolas, enzoufados de cinsa, que non hai praia no mundo que poña a un tan moreno, por non dicir, negro? ¿Quen sopesa, quen valora, aqueles esforzos, as sachas sucesivas, interminables, as decrúas do monte e das chousas, os nabais correúdos, a gadaña, as segas, as mallas poirentas, aquel puxa puxa de verdadeiros titáns para arrinca-lo esterco dunhas cortes fondas e cheirentas, atafegantes? Os carretos, case que permanentes, mañá por noite; as aradas suorosas, cos cadullos ata o mesmísimo marco para aproveita-las terras; faenas monótonas, aburridas, falando coas vacas, tan só coas vacas: Ei, Martela, non perdas o rego. As leñas, os estrumes… Todo iso fixemos, que de aí vimos, e a partires diso evolucionamos, sen outros luxos máis que o de botarlle pan ao caldo, e pan houbese. Pero se avanzamos, se triunfamos, non foi só coa forza física, senón, e maiormente, cos azos recibidos dos nosos antergos, coa forza do seu razoamento estoico e laborioso, exemplar, corrector, alentador; por ende, estes méritos hai que compartilos, en xusta correspondencia, con aqueles patrucios, cos devanceiros, así que, como se trata de talentos prestados, mellorables, transmisibles, aquí nos tedes os vindeiros, tódolos rapaces desta bisbarra, dispostos a seguir co facho instrutivo mentres nos quede un chisco, un lumen, de lucidez.
Xubilados do corpo, si, pero da mente, non; por iso coidamos ter a obriga de servir de estímulo transmisor, transcendente, sen decaementos, ata que nos chegue a hora do tránsito, ata que nos incorporemos, nos tamén, que é lei de vida, ao paraíso do eterno descanso. Daquela, nese feliz reencontro, dirémoslles aos nosos, aos que nos precederon, AOS QUE NOS ESPERAN, ao pai, á nai, aos avós, aos veciños e parentes, coa satisfacción do deber cumprido, Aquí estamos, que ata aquí chegamos, pero, nestas chairas tan verdes do noso Castroverde, fermosas, inesquecibles, verdadeira mesopotamia do Azúmara, do Chamoso e do Tórdea, que aramos ao dereito, todos nós, porque seguimos as vosas regras, os vosos consellos, tal cal. Daquela, para virnos, fixemos, deixamos feito, un testamento, público, aberto, estimulante, ao estilo voso, xa que herdamos, e agora legamos, os vosos afáns, os vosos consellos, á xeración seguinte, cedéndolles o facho dunha fidelidade sostida, inveterada. Para constatar que nada perdemos, que nada se nos foi das mans, que nada se nos esqueceu de canto nos ensinaron aqueles maiores, aqueles devanceiros, tan ledos e tan sufridos, todos eles drogados do traballo, tan só do traballo, incomparables, meus pobres, que ata se foron ao alén sen o goce dun modesto retiro pecuniario, pídovos, nesta evocación, un aturuxo, un urro, ben forte, para que o oian, para que o repitan, os nosos rapaces, para que non esmoreza esta cultura rural, enorme, polifacética, herdada, transmitida oralmente, da que tan pouco se leva escrito porque non hai quen sexa capaz de abarcala, de sintetizala, nin sequera nesta idade dos ordenadores.
Pídolle a esta xuventude, a do noso relevo, que sigan oufanos, con crise ou sen ela, e que ufen, de cando en vez, en memoria dos nosos defuntos, dos seus testamentarios.
Deixa unha resposta