O Museo do Castro de Viladonga expoñerá en Lugo a mostra Castros lucenses: investigación e posta en valor, producida en 2011 e que continúa así a súa itinerancia por varios centros e lugares de Galicia.
A partir do luns 5 de marzo, en que a exposición abrirá cun sinxelo acto ás 19 h., e ata o 31 do mesmo mes estará no Centro Social Municipal ‘Uxío Novoneyra’ de Lugo, en horario de tarde, de 16 a 21 h.
Posteriormente, entre os día 10 e 30 de abril, a exposición mostrarase no edificio Multiusos da Xunta de Galicia, en horario de mañá, de 9 a 14 h., e no mes de maio estará na Facultade de Humanidades de Lugo.
A itinerancia sucesiva en Lugo obedece a razóns prácticas de horario e público potencial, pois no Centro Uxío Novoneyra abrirá pola tarde e maiormente para os seus usuarios habituais, no Multiusos pola mañá e en epescial para os empregados desta instalación pública, e na USC en horario lectivo para o público universitario.
Esta exposición consta de catorce paneis que conteñen información escrita e gráfica dunha ducia de xacementos castrexos, algúns de época galaico-romana, nos que se desenvolveron diferentes traballos arqueolóxicos (limpeza, consolidación, escavación, etc.) aproximadamente nos últimos dez anos. Os textos e fotografías foron preparados por persoal técnico do propio Museo, baixo a coordinación do diector do centro, contando coa colaboración doutras persoas e entidades para algunhas das numerosas fotografías aéreas de castros que se exhiben nela.
No mes de xuño, en que a mostra volverá a estar no Museo do Castro de Viladonga como complemento da súa exposición permanente, está previsto poder celebrar un ciclo de conferencias e unha mesa redonda sobre temas relacionados co mundo castrexo galaico desde o punto de vista tanto científico como patrimonial.
Felipe Arias Vilas
Director do Museo do Castro de Viladonga
27259 – Castro de Rei (Lugo)
Telfs. 982-314255 – 982-314194 (fax)
Deixa unha resposta