Reflexións previas
-III-
Ninguén morre sen deixar herdanza. ¡E débedas, tamén; polo menos de gratitude cos que nos deron a man, cos que nos aconsellaron con prudencia, esa virtude tan escasa, incluso entre os que se dan de amigos! Non hai terra baldía, pois ata as rochas producen fungos; nin vida estéril, pois, quen máis quen menos, algo fai, algo fixo, algo deixa. O dilema está na calidade dos feitos, dos froitos, que van desde o trigo ao orxo.
Ego sum = +- A +- B +- C +- … ¡Un polinomio! Un polinomio, si, pois todo e ben non o fai ninguén; daquela, cando a resultante é positiva, dereitos ao Ceo!
Virxilio dixo: Félix qui potuit rérum cognóscere causas. Feliz o que puido coñecer as causas das cousas. E Sócrates, “A felicidade faina un mesmo, coa boa conduta”. Ergo, todos somos fabricantes, inventores; por tempos, ventos ou tempestades. Faltoulles unha ampliación: ¡Non só a nosa, a propia, senón, e tamén, a do próximo circundante! Co vento, respiramos, límpase a atmosfera; as tempestades convértense en riadas, erosionan as mellores terras. ¡Está claro: os goces vitais veñen da nosa conduta, da propia! Daquela, infelicidade será o contrario, non si?
Cada acto, cada decisión, vén a ser coma os módulos que engarzan aos átomos para formar células; e as células, á súa vez, fan os acios vivenciais. ¡Deus, a de derivadas que pode ter un simple acto dun simple mortal! Menos mal que Deus ten connosco a bondade da miopía, que só vemos a dous pasos, pois se chegásemos a ver, a contemplar, a sopesar, a que montamos cunha malicia das nosas, das habituais, o dano, a repercusión, a interferencia que podemos causar cunha picardía, unha de dúas: ou darnos por imperdoables, ou volver correndo a dicir digo onde antes dixéramos Diego! As células malas avinagran as contiguas; as boas multiplican os goces, e cos goces, os gozantes.
No exame final, no da sega, cando nos dean a nota, seguro que nos deixan ver as correccións que cabían nos nosos actos, pois de non ser así igual nos parecerán inxustas as sentenzas. Se non fose porque Deus ten archidemostrada a súa paternidade bondadosa, ¡ira de Deus, qué sería se lésemos a Montalbán, se nos xulgase alguén da catadura de Satán!
Na confesión pídesenos un “propósito da emenda”… ¡Menos mal que é só un propósito, un desexo de emendar no posible, pois fixemos tantas cousas que non admiten emenda, que non teñen volta atrás! Disto hai que deducir que a precipitación no actuar é de seu perigosa: Digamos e fagamos con lentitude, a ser posible despois dunha noite de reflexión, que non hai mellor conselleiro que a almofada, que por algo é feminina!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta