PROGRAMA HORARIO

Saída de Castro Verde ás 8:00 horas ( Ao lado do Pereira)
Ás 8:30 h. na ronda da muralla (Edificio Sindicatos)
Ás 10:00 h. en Mugardos
Percorrido de 9 quilómetros con certa dificultade, inprescindible levar calzado axeitado.

DESCRIPCIÓN:

A viaxe percorre unha área de Ferrolterra con importantes valores ecolóxicos e culturais: a área noroccidental da península de Bezoucos, enclavada no Gran Porto dos Ártabros (1), nome co que se coñecía ao territorio ribeireño das rías do Ferrol, Ares e Coruña, o cal serviu de inspiración á denominación do Lugar de Interese Comunitario (L.I.C.) “Costa Ártabra” –pertencente á Rede Natura 2000-, a cal inclúe a franxa litoral de parte desta península.

O percorrido desenvólvese nunha lonxitude duns 9 quilómetros pola parte noroccidental da Península de Bezoucos, brazo de terra que separa as Rías de Ferrol e Ares-Betanzos.

A ruta escomenzará en Mugardos, vila mariñeira asentada nunha bahía na marxe sur da ría de Ferrol. Seguindo o paseo marítimo e a praia artificial da Bestarruza, chegaremos á Enseada do Baño, onde desemboca o Rego de Roibeiras formando un esteiro que da nome ao pequeno asentamento tradicional que alí se orixinou. A fermosura desta paraxe provocou que se desenvolvese unha urbanización que alterou a outrora beleza inmaculada deste lugar.

Dende eiquí desviarémonos ao oeste, ascendendo en dirección a Montefaro, entrando na parroquia de Cervás do concello de Ares, de cuxo antigo poboamento son testemuñas varios castros e os restos da súa igrexa románica. Nesta ascensión pasaremos ao carón dunha edificación militar abandoada que semella que foi un polvorín ou arsenal, chegando despois ao Mosteiro medieval de Santa Catalina (2).

Próximo a este lugar, atópase o cumio da Bailadora, miradoiro excepcional situado a uns 260 m. sobre a ría de Ferrol, dende onde poderemos contemplar as agrestes ladeiras graníticas que conforman a bocana desta ría, o sistema de fortificacións militares que ao longo do tempo foron construídas para defender a base militar (3), como os castelos da Nosa Señora da Palma e de San Felipe, construídos nos séculos XVI e XVII, evocadores do enfrontamento militar que tivo lugar nas súas proximidades fai pouco mais de 200 anos … a Batalla de Brión (4).

Pero A Bailadora é tamén un lugar axeitado para aprezar e analizar o resultado doutras intervencións humanas mais recentes, as cales están a mudar a faz da ría: a implantación de grandes industrias (xunto ás navais asentadas antes da década dos setenta, foise consolidando nas últimas décadas do pasado século a metalúrxica de MEGASA –no fondo da ría esganando o antes fermosísimo esteiro do río Freixeiro-), a planta de REGANOSA instalada nas proximidades de varios núcleos poboados do concello de Mugardos, o porto exterior e os enormes recheos e desmontes realizados por mor destas actuacións,….

Trala estancia no miradoiro da Bailadora visitariamos o Mosteiro de Santa Catalina, tralo cal poderiamos comer no propio mosteiro ou nos xardíns existentes ao seu carón.

Tralo almorzo encamiñariamonos cara á Punta do Segaño (remata a ría ferrolá pola súa banda sur), visitando os restos das baterias de Fonteseca e do Segaño, construidas hai pouco máis de 100 anos para protexer a base militar de Ferrol.

Dende o Segaño continuariamos cara ao surés, encamiñándonos á praia de Chanteiro, onde poderemos reposar e incluso bañarnos nas súas claras augas se o tempo o permite. Inmediata a esta praia encóntrase a Capela da Nosa Sra. da Mercede, á que poderemos achegarnos, construcción con carga sentimental para os ferroláns, que no ano 1404 lle ofreceron voto a esta Virxe, en agradecemento pola súa intercesión para frear a peste que daquelas asolou a vila e arredores.

Se o percorridose fai curto, poderiamos aproximarnos a outros lugares de interese,como a chamada Cova dos Mouros e o inmediato castro de Santa Mariña.

Ao final da xornada tornaríamos a Mugardos, onde poderiamos cear ou tomar algo antes de voltar.
————–
NOTA:
A viaxe farase igual, haxa ou non as 15 persoas. Se somos 15 ou máis haberá autobús, en caso contrario iremos en coches particulares.
Saúdos
Manolo