MEMBROS DO FORO DO CAMIÑO:
Case 30 colectivos, asociacións, entidades e investigadores comprometidos no estudo, recuperación, protección e promoción da primeira vía de peregrinación a Compostela forman parte deste Foro do Camiño, constituído en xullo de 2010:
Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, Asociación Lugo-Patrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo,Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.
Lucus Augusti, 11 de agosto de 2012
PERANTE A SAÍDA A INFORMACIÓN PÚBLICA DA DELIMITACIÓN OFICIAL DA VÍA MÁIS ANTIGA A COMPOSTELA, O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO RECLAMARÁ QUE ESTE PROCESO SEXA A TODOS OS EFECTOS UN PARADIGMA EXEMPLAR NA RECUPERACIÓN INTEGRAL E PROTECCIÓN DO ITINERARIO FÍSICO E PATRIMONIO CULTURAL E AMBIENTAL ASOCIADO A UN CAMIÑO HISTÓRICO DE LONGO PERCORRIDO, ACTUACIÓN QUE DEBERÁ TER COMO PREMISA ESENCIAL A SÚA AUTENTICIDADE.
Logo de que a administración galega teña demorado de xeito escandaloso este proceso e de que nos últimos tempos permitise todo tipo de impactos, asaltos e apropiacións sobre o territorio polo que transita esta calzada máis que milenaria, o Foro do Camiño comunica que está a analizar pormenorizadamente o expediente sometido a información, considerando absolutamente inapropiada a súa publicación oficial en pleno mes de agosto, estratexia detrás da cal sospeita que se esconde unha manobra encubridora nun tema de tanta proxección de futuro e sensibilidade social.
Ao revés do que se ten recollido nalgunhas informacións de prensa, o Foro do Camiño advirte de que a documentación publicada no DOG é exclusivamente responsabilidade da Xunta e de que non conta en principio con ningún pronunciamento de apoio, acordo negociado, nin aval de saída por parte da trintena de entidades e especialistas que constitúen esta plataforma, quen rexeitan de plano a perversión sistemática da lei de protección de 1996, tentándose adulterar con alternativas artificiosas o itinerario histórico da vía primitiva, para consolidar derivas interesadas que foron reiteradamente denunciadas no seu momento, no canto de delimitar e recuperar con obxectividade os numerosos treitos apropiados en boa medida coa anuencia ou pasividade da Dirección Xeral de Patrimonio e dalgunhas institucións locais.
Igualmente, o Foro considera raquítica a franxa de 30 metros de protección intensiva para a zona do ámbito BIC, así como insuficiente a área de respecto ou de cautela prevista na maioría dos casos para o conxunto do territorio histórico asociado, botando de menos a inclusión non só de importantes tramos de calzada orixinaria e conexións históricas, senón elementos do patrimonio material e intanxíbel nado ao abeiro desta antiga verea, un erro no que volta a incorrer a Xunta por tomar como base a nefasta e precaria itinerización en falso realizada por volta do ano 93, consolidando eivas endémicas.
Caso de non se corrixir esta orientación mediante unha delimitación moito máis comprometida na defensa e recuperación do valor cultural do territorio, o Foro do Camiño Primitivo, amais de efectuar as alegacións e reclamación oportunas perante diversas instancias, solicitará da UNESCO a paralización cautelar do expediente de declaración como patrimonio mundial para o Camiño Primitivo en tanto a administración galega non rectifique os seus postulados aténdose á obxectividade e rigor científico previsto na propia lexislación e nos principios que rexen as proclamacións do organismo internacional.
Deixa unha resposta