ASOCIACIÓN ARCAS DE SÁRRIA- Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
Resumo: ROTEIRO MONTE DE SAN MARCO A SAN XOÁN DE LOIO e PORTOMARÍN
Un ano máis as Asociacións Arcas de Sárria e Amigos do Patrimonio realizamos este roteiro, o sábado, 20 de abril, partindo da Ermida de San Marco. Lugar cunhas fermosas vistas sobre parte do territorio central da provincia de Lugo, podendo visualizar por un lado desde as Terras de Castro Verde ata Monte Faro de Chantada, Terras de Láncara, Sárria, Paradela, O Páramo ata lugares máis afastados…, como se dixo arriba. Non imos comentar todo o que nos dixo, Xaime Félix, ( Arlindo), sobre os lindes dos concellos de O Páramo, Sarria, Paradela, explicación de todo o territorio, xurisdicións, santos, sartegos, etc., gradecendo as súas explicacións.
Desde aquí, baixamos á parroquia de Friolfe (Concello de O Páramo), pasando ao concello de Paradela: Parroquias e lugares de Ferreiros, Froxinde, A Parede, O Cruceiro. É de salientar a igrexa románica de Santa María de Ferreiros, cunha fermosa porta principal con arquivoltas e motivos románicos e unha imaxinería salientable: Imaxe da Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Parroquia de Francos, con lugares salientables: Rozas, Pena Frou e Pena do Corvo. Por estes lugares, é lamentable o estado do Camiño e os adornos que ten de cruces con farrapos, plásticos, etc., pedimos ao Xacobeo e ao Concello de Paradela que tomen as medidas oportunas.
Parroquia de Santiago da Laxe e lugares de Moimentos, Mercadoiro, Moutrás.
Parroquia de San Salvador das Cortes. A Parrocha ( “parroquia”). Visita ao adro-cemiterio e igrexa de Vilachá onde Arlindo, nos lembrou os graves sucesos de xullo de 1936. Por Pacios das Cortes, baixamos á estrada de Portomarín- Paradela.
Finalmente, a parroquia de San Xoán de Loio. O encoro fixo desaparecer todas as casas, viñas, e caneiros dos lugares do Campo e de Outeiro, quedando asulagada toda a Veiga, fixo agora 50 anos.
Pola tarde, acompañados, do Sr. Cura Mato, visitamos a Pena do Bico, parroquia de Cabo de Vila, cunha impresionante vista sobre o encoro, San Miguel, San Roque, Portomarín, (Concello de Portomarín) e San Xoán de Loio, Vilachá, As Cortes (Concello de Paradela). Deste lugar o Padre Mato, contounos as lendas dos mouros, sobre o asento que hai na Pena do Bico, que neste lugar puido haber ritos sagrados e outros poden interpretar como fenómenos atmosféricos e/ou xeolóxicos. Comentounos, tamén que, queren facer neste fermoso lugar un miradoiro. Agradecemos que nos teña amosado e explicado este lugar.
Seguidamente, fomos a Portomarín onde, o Sr. Pereira nos contou a historia do vello Portomarín por medio das fotografías que fixo desde o primeiro trasalado da igrexa ata o seu novo emprazamento. Explicación de todo tipo de detalles sobre casas nobre, familias, anécdotas, etc. Agradecemos a súa amabilidade por amosarnos as fotos e darnos as oportunas explicacións. Grazas tamén á nosa socia, Lidia, que foi a que nos dixo destas fotos do vello Portomarín.
Rematamos cunha foto diante da igrexa de San Nicolás, despedíndonos ata o 25 de maio que nos veremos no encontro anual de Asociacións en Redes.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz
VER FOTOGRAFÍAS:
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/ROTEIROMONTEDESANMARCOASANXOANDELOIOEPORTOMARIN?authuser=0&feat=directlink
NOTA DA
ASOCIACIÓN CULTURAL ARCAS
CIF G 27 162.098 20 de abril de 2013
RÚA PEDRO SACO 4
27600 SÁRRIA ( LUGO )
ROTEIRO DO MONTE DE SAN MARCO A SAN XOÁN DE LOIO
I.-ERMIDA DE SAN MARCO: Antigo eremitorio de Santo Adrao do Monte do Pàramo( século IX) (Parroquia de Biville-Sárria- Xurisdición de Biville, orixinariamente do Bispo de Lugo ). SARTEGOS.- CASTRO.-Fontes : Santo Adrao.- As Caldas- Fonte das Virtudes.PARQUE EÓLICO: Monte do Pàramo- Antenas de radiodifusión e TV.MONTE FARO: Alcance visual co MONTE FARO de Chantada.
II.-Seguimos o antigo camiño de Sárria a Portomarín pola Serra do Páramo, e o Camiño Francés de Lugo a Lemos, pola parroquia de Friolfe ( O Pàramo)
…………………………………………………………..
III.-Concello de Paradela: Pola parroquia de Ferreiros, pasando por Froxinde ( onde San Rosendo tivo posesións), por A Parede , chegamos a O Cruceiro, xa no Camiño Francés de Santiago. Esta parroquia formou parte da Encomenda de Portomarín da Orde de San Xoán, ata 1835, e incorporouse ao Concello de Paradela en 1840. No Campo da Festa ,hai un Albergue da Xunta de Galicia, e no Cruceiro un albergue particular.En Mirallos: Igrexa románica que formou parte do HOSPITAL DE PEREGRINOS ( século XII ) pertenecente á Encomenda e dende o século XVIII é a igrexa parroquial. ( Visita da igrexa: Imaxe da Nosa Señora dos Ollos Grandes ). Pedra das procisiòns eucarísticas. Continuamos por A PENA DE MIRALLOS ( Casa con caras e unha cruz no lintel dunha xanela) e polo casar do COUTO.
…………………………………………………………..
IV.-Parroquia de Francos ( da antiga xurisdición de Tras Loio): Pasamos polo lugar de ROZAS ( Fonte da Vica), deixando á dereita PENA FROU e a PENA DO CORVO.
………………………………………………………
V.-Parroquia de Santiago da Laxe ( da antiga xurisdición de tras Loio) : Pasado o lugar dos MOIMENTOS e os lugares de MERCADOIRO ( Albergue de peregrinos , particular )e MOUTRÁS, pasado o MONTE DA GÁNDARA , entramos na
……………………………………………………….
VI.-Parroquia de San Salvador das Cortes ( da antiga xurisdición de Tras Loio) : Polo lugar da PARROCHA ( “parroquia” ), acondicionado pola Xunta. Pasado este lugar deixamos o Camiño Francés para visitar o adro-cemiterio e igrexa de San Salvador das Cortes ( antigo mosteiro ), e dende alì pasaremos ao lugar de VILACHÁ onde recordaremos os graves sucesos de xullo de 1936.E por PACIOS das Cortes , baixando por un camiño e prados alcanzaremos a estrada de Pedrafita a Palas de Rei na
VII.-Parroquia de San Xoán do Loio: ( da antiga Xurisdición de San Pedro de Portomarín).- O encoro de Belesar fixo desaparecer todas as casas , viñas e caneiros dos lugares do Campo e de Outeiro, quedando toda veiga do Iño e Loio asulagada, 50 anos atrás. Xantaremos no Mesón Río Loio, da outra banda da nova ponte .
MOSTEIROS MEDIEVAIS : San Salvador da Pinza, San Mamede de Loio, Sismonde ( Laxe ), San Pedro da Cova, San Salvador das Cortes, Santa Cruz de Loio, Santa María de Loio ( berce da Orde de Santiago, “nullius diócesi” ) e San Xoan de Loio. EREMITORIOS: San Bartolomeu, San Pedro de Montes e San Lourenzo ( no Monte do Páramo).
DE SANTO ADRAO DO MONTE DO PÁRAMO Á CAPELA DE SAN MARCO
No monte do Páramo, na parroquia de Biville, está a capela de San Marco, onde de antigo se celebraba unha romaría afamada na contorna e que xiraba darredor da devoción ó santo e a cerimonia da benzón dos campos, coa secular ledaíña de petición de axuda e valemento a tódolos benaventurados da corte celestial.
Os que hoxe coñecen a antiga ermida non saben que xa na Idade Media , dentro do circuíto do castro que lle serve de asento, houbo unha igrexa-eremitorio coñecida como a ermida de Santo Adrao ( ” Sancto Adriani in monte Paramo “), advocación da que queda lembranza na Fonte de Santo Adrao que aparece citada como extrema coa viciña parroquia de Belante.
A esa igrexola de Santo Adrao refírense varios documentos que forman parte do Tombo de Samos, e outros dos fondos catedralicios de Lugo, e á fonte do Santo Adrao o Catastro do Marqués de la Ensenada (1753).
Nunha escritura do ano 897, pola que se dí como o rei Alfonso III confirma posesións da igrexa de Lugo, figura”… No Páramo a igrexa de San Miguel de Biville, co a vila e familia; a igrexa de Santa María de Belante, e no Faro a igrexa de Santo Adrao íntegra…”. Este Faro non é outor que o Monte do Pàramo.
Do ano 976 é o testamento de Sunilano, que fai doazón ao seu fillo Vermudo, presbítero e abade de Barbadelo, da igrexa de Santo Adrao no Monte do Páramo ” segundo a obtivo don Ambrosio, e don Ranosindo nola concedeu por escritura de testamento e de presura dos nosos intercesores e antepasados”.
Darredor do ano 1009 o abade de Santiago de Barbadelo fai doazón ao abade Mandino de Samos “de Santo Adrao no Monte ( do Páramo) co seu castro todo darredor , do xeito que está incluído no testamento de don Vermudo “o Maior”, segundo recollen un inventario e a escritura de 21 de xaneiro dese ano, na que se olla como lle dá ” A Casa de Santo Adrao no monte ( do Pàramo ).., do xeito que para nós a testou don Ranosindo sacerdote mirífico”.
Do ano 1568 é unha escritura do bispo de Lugo don Xoán Ruiz pola que afora…” el lugar y heredades de San Sadornino y la ermita de Sant Adrao y Casar dello con su eredad”. E noutro foro de 24 de marzo de 1682 o bispo Ponce de Leòn afora a don Alonso de Vivero…” y la hermita de Sant Adrao y casar dello con sus diezmos..”, en Biville.
Vemos como a ermida e casar de Santo Adrao acabaron pertencendo á Mitra lucense , e , xa vaca, aínda hai referencias dela no século XVII. Agora está arrodeada de montes propiedade das parroquias veciñas , e perto dela hai varios puntos de produción de enerxía elèctrica. Descoñécese cando pasou a estar baixo a advocación de San Marco . E na actualidade volveu a ter sona este pequeno santuario gracias aos esforzos do anterior párroco de Vilamaior e ecónomo de Biville, que contando coa colaboración dos seus fregueses , amáis dun cómodo acceso , conseguiu axudas para arranxar a capela.
Amáis da edificación relixiosa poden verse alí tres sartegos abertos na pena viva. Poucos miradoiros naturais hai na comarca que alcancen tanta terra á redonda.
Celebra Biville a festa do San Marco , santo un tanto dado á auga e ao vento, a carón da branca ermida, e os viciños sacan en procisión a anovada imaxe do evanxellista, que gracias ao restauro feito por Segundo López Méndez, segue a dar a benzón dos campos cando xa vai andado un mes de primavera.
A imaxe orixinal, que constitúe a cerna da actual, estaba totalmente desfigurada , e foi aproveitada para a nova talla, ben policromada.
Dentro das festividades relixiosas da comarca, o San Marco de Biville ocupou un lugar importante, máis os cultos relixiosos a carón do Faro do Páramo, lévannos moito máis atrás no decorrer dos tempos, cando a “Casa de Santo Adrao” era un eremitorio no que don Ranosindo e don Ambrosio se arredaron do mundo , na percura da paz interior, a un castro onde todos os ventos andaron desatados,un dos eremitorios da órbita dos mosteiros de Santiago e San Martiño de Barbadelo: “A igrexola de Santo Adrao”
1
MIRALLOS ( SANTA MARÍA DE FERREIROS) E MORGADE ( SAN SALVADOR DA PINZA) , HOSPITAIS DA ENCOMENDA DE PORTOMARÍN.
Maio de 1180.-
PETRUS MONIZ ENTREGALLE AO ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN OS HOSPITAIS DE MIRALLOS E MORGADE, A IGREXA DE FERREIROS , O CASAL DOS CABALEIROS EN VEIGA E O DAS CASAS EN DELLE.
Petrus Muniz
Por todos sexa coñecido e manifesto que eu dou e me ofrezo a Deus e ao Hospital de San Xoán de Xerusalén, pola man do Comendador don JOHANNIS FERNANDI e por man de PETRO GERALDI, e todo o dou comigo para remedio das ánimas do meu pai e da miña nai e de todos os meus parentes e amigos, o HOSPITAL DE MIRALLOS e con todos os bens a el pertencentes, e dou tamén a igrexa de FERREIROS con todos os bens a ela pertencentes e dou un CASAL DOS CABALEIROS ,en VEIGA, que eu o gañei e a metade do casal das CASAS en DELLE.
Isto douno baixo tal condición : que en toda a miña vida quero ter todo isto por meu e vivir nel, aínda que queira tomar o hábito do Hospital, de maneira que á miña fin e morte todos os bens enriba nomeados permanezan libres e sen impedimento para o Hospital de San Xoán.
En verdade eu , o COMENDADOR IOHANNIS, e todo o Convento dos nosos frades, recebímoste por confrade noso a ti o dito PETRUS MUNIONIS; e en beneficio de todo o orde noso. E dámosche para axuda das túas necesidades o HOSPITAL DE MIRALLOS e o HOSPITAL DE MORGADE con todo o seu dereito e voz e o noso COUTO con todas cantas cousas nos pertencen a nós nel. E dámosche a nosa ración na CASA DA PONTE DO MIÑO, isto é, a prebenda segundo lle corresponda a un dos nosos frades e se quixeras tomar o noso Orde recebiremoste nel cando ti queiras, e todo canto deliberaches e posuiches confirmámoscho , de xeito que, así permaneza todo o tempo, e aínda que falezas, sen seguir o noso Orde, faremos por ti do mesmo xeito que por calquera frade noso.
Ademáis eu o antedito PETRUS MONIZ con total vontade, suxeito a Deus e súbdito do Hospital, rogando e querendo que todo se faga, digo que cando don PETRUS GERALDI estiver nesta Terra, por cuxa advertenza, amor e confianza a isto veño, sexa Comendador e Provisor do xa dito lugar de MIRALLLOS, e que este de mín adquiriu, e segundo isto confirmo , e segundo todo o demáis que no pauto resoa.
Quero tamén que se algún da miña xente quixer ser obediente ao Hospital e no dito lugar desexasen ser servidores, o recibades antes que a outros no servizo e permanezan neste lugar; de maneira tal que se de min quedase fillo ou filla os recibades e amparedes, segundo bons naturais e axudadores que reciben bens dos antecesores aceptados na sede de Deus, de maneira que por isto vos retribúa en eterna beatitude. Amén.
Dádeme un frade voso para que habite comigo, que co meu beneprácito sexa trasladado e sen el de ningunha maneira quero que se faga.
Feito foi este acordo e polas dúas partes asinado na era 1218, no mes de maio.
FERNANDUS , testemuña.- IOHANNE, testemuña.- PETRUS, quen isto escribiu..
( Tradución de texto obrante no A.H-N. , OO.MM., San Juan de Jerusalén, carp . 575, nº 25 )
NOTAS:
HOSPITAL DE MIRALLOS: Estaba a carón da actual igrexa de Santa María de Ferreiros ( Paradela ) .O único que del se conserva é a antiga capela románica de notable feitura, agora convertida en igrexa parroquial.
IGREXA DE FERREIROS.- Dende a Idade Media ao século XVIII estivo no lugar de AIREXE, onde pervive o culto ocasional nunha capela adicada a San Vitoiro.
VEIGA: Lugar da parroquia de Santa María de Ferreiros.
DELLE: Lugar da parroquia de Santa María de Ferreiros.
HOSPITAL DE MORGADE: Estaba no lugar de Morgade, parroquia de San Salvador da Pinza ( Sárria), Couto que se incorporou ao Concello de Sárria en 1840.
CASA DA DE PONTE DO MIÑO: Refírese á casa do Orde de San Xoán de Xerusalén en San Xoán de Portomarín, na beira dereita do río.
Xamie Félix López Arias
(Arlindo)
Deixa unha resposta