Foto “El Progreso” de Lugo


Pezas de grande valor como o Torques de Burela ou o Carneiro Alado son xa patrimonio de tod@s @s lucenses

·      A  área de Cultura da Deputación, gobernada polo BNG, chega a un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil para que o Museo Provincial se faga coas 40 pezas de ourivería, logrando así recuperar para o desfrute do pobo un destacado patrimonio material galego que nunca debeu ter saído de Lugo.

·      Entre as pezas que pasarán a ser patrimonio do Museo Provincial están os famosos torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, que volverán ser expostos ao público.

·      Estas 40 pezas, datadas entre o 1.800 a.C. e o 400 d.C., emblema durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo, foran retiradas pola familia en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que lle outorgaba a titularidade da colección.

·      Logo dun longo proceso de negociación de case un ano, a Deputación mercará a colección por 2.346.200 euros, a cantidade na que foi taxada nunha peritación independente encargada pola Deputación, unha cantidade que supón a metade do que pedía a familia.

·      Ponse fin con este acordo, que será levado o martes ao Pleno da institución provincial, a un longo litixio xudicial iniciado en 1999, cando Cacharro era o presidente da Deputación.

·      A totalidade das pezas estarán de novo no Museo Provincial antes de que acabe o verán e serán pagadas en 5 prazos ata 2018.

·      Numerosas asociacións culturais e colectivos en defensa do patrimonio pediran o mantemento deste patrimonio en Lugo. A Xunta de Galiza iniciou o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural da colección antes da súa saída do Museo para evitar a súa venda e que puidera ser sacada fóra do Estado español.

·      Grazas ás xestións do BNG conséguese un aforro de máis de 4 millóns de euros, xa que a familia reclamaba inicialmente 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 millóns de euros por danos e prexuizos, aos que renunciará. A Deputación pagará as costas xudiciais, como establecía a sentenza do Supremo.

·      Alén da importancia cultural e patrimonial, a volta destas pezas ao Museo Provincial supón tamén un impulso turístico e, polo tanto económico, para a cidade de Lugo dada a súa importancia.

·      Iniciativas coma esta encádranse dentro da política levada a cabo polo BNG dende que accedeu ao Goberno da Deputación no ano 2007 na área de Cultura, centrada en:
–       Poñer a cultura ao alcance de toda a cidadanía
–       Reforzar a Rede Museística Provincial
–       Protexer e promocionar o patrimonio cultural lucense
–       Fomentar a cultura galega en todas as súas manifestacións
–       Apoiar o tecido asociativo cultural

Lugo, 19 de xuño de 2014.