BREVE RESUMO ROTEIRO POLA MARRONDA

e

VISITA Á CASA DO BOIEIRO- ESGRADE

Sábado, 8 de xullo de 2023

Hoxe tivemos unha mañá algo moñada, mais que tivo o seu encanto, e como di o título do libro de Manuel Vázquez, “O pracer da chuvia”, nunca mellor dito. O roteiro ía partir do nacemento do Eo e voltar a este mesmo lugar, pero como chovía achegámonos ata San Paio de Cubilledo e vistando a fervenza da acea de Serra, logo continuamos ao pé do río Eo para visitar outra das fervenzas, a do pozo da Ferrería, tendo pensado subir ata Esgrade, mais como a choiva ía en aumento e estaba todo moi mollado, volvemos a San Paio e, desde aquí subimos ao lugar de Esgrade, onde nos agardaba unha sorpresa, a visita á casa do Medio ou do Boieiro, porque a nosa socia Bea Pin, á parte de facer de guía polo roteiro, tiña concertada unha visita a esta casa, onde nos esperaba o dono, Tino Díaz. Agradecer a ámbolos dous a súa amabilidade. Tino recibiunos e logo de facer unha foto diante do hórreo, único dos que ten un corredor todo arredor, mandounos pasar á casa e fomos de sorpresa en sorpresa, primeiro pasounos para a lareira, onde nos comezou falando de onde viña o nome de boieiro. Un veciño do lugar ou doutra parroquia, ao neno Tino, chamáballe Boieiro, e nunca polo nome de pía, e un día preguntoulle ao seu pai, porque lle chamaban así, e o pai díxolle, “porque teu bisavó, foi boieiro”, é dicir trataba cos bois que levaban desde Esgrade ata Benavente para traballar as terras de Castela, levándolles uns trece días chegar desde Valeira a Benavente. Este home fixera moito diñeiro con eses tratos, sendo unha familia de emprendedores. Con esta historia, el, Tino Díaz, María Cando e Antón Cando, veñen de publicar o libro; RÔTA DOS BOIEIROS (Río Eo Valeira- Benavente). No medio desta ampla explicación, Bea , déixanos e de súpeto, outra sorpresa, aparece tocando o acordeón e interpretando diversas pezas populares. Continuando Tino coas explicacións e visita ao resto da casa onde pudemos ver todo tipo de apeiros de labranza e dos diferentes oficios, para finalmente visitarmos á Taberna do Boieiro, que funcionou máis de cen anos, ata os anos 1970. Conserva, entre outros moitos elementos, cervexas de diferentes marcas, onde familiares desta casa toron fundadores de marcas como; “Coronita” ou traballaron en “Mahou”. Sen estar oficialmente como museo, é un verdadeiro museo. Realmente, merece a pena facerlle unha visita. Parabéns por consevar todo este patrimonio e graciñas.

Para rematar a xornada, visita á fonte do Eo, onde á parte de contemplar este fermoso lugar, lemos un poema e referencia ao mundo labrego, do libro O PRACER DA CHUVIA.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio

Manolo M.B.