Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
¡Creádesme ou non, este señor estivo en Castroverde! Viña de Librán, de casa-lo seu fillo Nicolás Salmerón y García (avogado, periodista e farmacéutico) con Hortensia Ramona Lombardero San Miguel, oriúnda da Casa de Xan de Catatrigo.
Non vos intrigarei máis: Nicolás Salmerón y Alonso, un daqueles ilustres da Institución Libre de Enseñanza, foi un dos Presidentes da Primeira República, e dimitiu…, ¡por negarse a firmar unhas sentenzas de morte! Hoxe en día, suprimida a pena de morte na actual Constitución, iso sería normal, non tería mérito algún, pero…, ¿naqueles tempos, naquelas circunstancias? Cando entrou Pavía nas Cortes, a cabalo, ¡aquel “Tejero” do XIX!, a Salmerón desterrárono para Lugo, e aquí estivo, de Profesor…
A criada, irmá de miña avoa paterna, seica era guapísima e listísima. Algo tería que ter para que se namorase dela un Salmerón. Eu cheguei a coñecela: Foi no verán de 1.935; xa estaba viúva e eu tiña cinco anos. Foi o primeiro dos coches a motor que entraron en Montecubeiro, partindo de Mosteiro. No lugar do Mazo tiñan un curral de toxos, e miña tía-avoa pagoulles para que o retirasen, para que puidese seguir aquel auto dunha sobriña. Chegados a Veiga, que subir a Berlán foilles imposible, tía Ramona deulle un peso, ¡de prata!, ó señor Pedro de Veiga, para que lle trasladase a equipaxe nun carro de vacas. Teño oído relatar, pero dese detalle non me lembro, que aquel señor Pedro púxose de xeonllos para bicarlle as mans a dona Ramona, ¡polo peso de prata!
Ó día seguinte da voda, que ela quixo casarse en Librán, na súa parroquia, casualmente era feira en Castroverde, e xuntáronse, con meus avós, para comer na taberna do Escardel. (Chamábanlles así porque viñeran do lugar de Escardel, no Corgo). Esa taberna estaba precisamente por detrás da casa actual do Escardel junior, que casou con Celsa Sarille…, ben coñecida e ben estimada en Castroverde).
Metidos de rondón na “desagrarización” desta bisbarra, -tema brillantemente tratado na conferencia do 22-11-06, do Profesor, e socio desta Asociación, M. Marey-, unha das nosas saídas “cultivables”, unha de tantas, dada a nosa paisaxe, e tamén a nosa gastronomía, é o turismo rural… Pois ben, ¿que lles parece se a nosa xente vai facendo achegas, fotografías, referencias, libros de ouro, etc., etc., da xente importante que nos visite, sexan intelectuais, políticos, artistas, empresarios, clero, militares, chupatintas, etc. ¡Noutros lugares, tal que en Suíza, ben que se xactan de sinalar, e de mostrar, fotos e firmas, para que o seguinte visitante-comensal se considere incorporado a esa elite de sibaritas, de adeptos, neste caso, a Castroverde!
Deixa unha resposta