Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

O real da cama


Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Preocúpame, e desgústame, o pensamento de que alguén estea opinando que me dedico excesivamente, ou primordialmente, ás cousas de Montecubeiro, pero voulles dicir a verdade: Nada me gustaría máis que provocar que nas outras parroquias tiren do po os seus contos, os seus mitos e as súas tradicións, que así lograríamos salvar do esquecemento sequera sexa unha parte daquela literatura oral xerada e referida cabe das lareiras respectivas! ¡Anímense! ¡Prego!

Ben sabedes que neste Monte dos Cubeiros, cando veu a desamortización de Mendizábal, de criados dos frades pasamos a ser predicadores, ¡co exemplo, claro! Así que un Couto tan rumboso e tan baril obviamente non tiña abondo cun só día de festa patronal. Matinouse, en consecuencia, alarga-la celebración do San Ciprián, que daquela aínda lle chamaban polo seu nome correcto, “San Cibrao”, mesmo como se lles di hoxe ás casas de xunto da Igrexa, coa excepción da Guía de Estradas, que eses puxeron un letreiro que di “Montecubeiro” dous quilómetros dentro do que xa é parroquia de igual nome. O Santo caía no 16 de Setembro, séxase, despois de malla-lo trigo!

En Montecubeiro nunca nada se fixera, nunca, sen ir de acordo coa clerecía, ¡e iso que nos tiñan por roxos!, así que, buscando e rebuscando no Santoral, os cregos fixáronse en que o l4 cadraba a Exaltación da Santa Cruz; e como tamén se daba o casual de que na igrexa tiñamos unha excelente imaxe do Bo Xesús atado na columna…, compuxeron una solución litúrxica! Día 14, festa do Ecce Homo; día 16, San Cibrao, bispo de Cartago, en África, esclarecido en santidade e doutrina, que foi decapitado xunto do mar, no ano 295. ¡Só quedaba o inconveniente de que non era cousa de quita-la roupa nova para ir bota-los nabos no intermedio, quere dicirse, na ponte do día 15!

Nestas contas andaban cando un veciño de San Cibrao, que tiña sona de ocorrente, e que se chamaba, en consonante, Vicente, propuxo nunha daquelas xuntanzas democráticas da Parroquia que se lle pagaban un real por cada “cama”, que se comprometía a dala cumprida e cabal a cantas persoas se quedasen, alí mesmo, no Campo do Convento, da romaría do día 14 para o 15, empalmando a festa do Ecce Homo coa de San Cibrao, sen facer ponte!

Contan que os máis precavidos fixéronlle a observación, ou reserva, de que non ía dispoñer de roupa limpa para dar pousada a tanta xente, pero o Vicente defendeuse diante do Cura e do Pedáneo, poñéndoos por testemuñas de que, se lle respectaban o prezo, el cumpriría a súa palabra de que todos e cada un porían poñe-la cama na dirección que quixesen; e que o abrigo sería de rigorosa estrea, garantindo, ademais, auga, sal, vinagre e asento cerca do lume, tal e como tiña esixido El Rei Carlos III nas súas Ordenanzas, que por certo, seguían vixentes.

Porfiaron e porfiaron, pois daquela os ingleses aínda non inventaran iso dos Tours operators, así que ninguén se imaxinaba que nunha aldea remota se puidesen programar tantos apousentos para unha data concreta. Vicente engadiu certas garantías: ¡Respondía do dito coa propiedade; e iso que era unha casa de oito vacas, das de daquela, en que as terras aínda eran iso, terras de labranza, que non pasteiros!

Casualmente na feira de Adai, o día 13 de Setembro, que era de tenteo para os tratos das do San Froilán en cuestión de bestas, moito se falou da aposta, do compromiso, dun tal Vicente de San Cibrao; dicíase, e temíase, que por primeira vez un home do Monte Cubeiro ía ter que volverse da súa palabra!

Chegou o 14, que por certo aquel ano non podía chover, que xa o fixera o 8, na festa de Pena, así que foi cousa digna, de verse e de contarse, aquelas ringleiras de xente de toda a bisbarra encamiñándose cara ó atrio do Convento. Coas cestas da merenda na cabeza, as mulleres; e os homes nas eguas, coas alforxas repletas de pan, touciño, chourizos, coellos, queixos, empanadas, botas de viño… ¡Dous días de festa, seguidos, que nunca tal se vira daquela…, coa excepción do San Froilán!

¡Pois, nada, que non houbo dificultades! Mentres en Adai se doían do pobre Vicente, el atopábase desfacendo nos palleiros do lugar, ¡con permiso, obviamente!, que daquela as mallas eran de palenque, entre o centeo e mailo trigo das estivadas… Vicente lastrou, ¡nun Xesús!, e cun groso acolchamento, tódalas eiras da Eirexe, e mailos hortos próximos. Para almofadas discorreu ensacar fentos verdes, tenriños, que había o demo deles nos campos da Eiladrán, alí por onde estaban, ¡daquela!, as mámoas.

Cando tivo todo listo sacou unha banquetiña e foise sentar, co pucho entre as pernas para recolle-los cartos, alí no adro, diante do freixo de Reigosa, esa casa onde o Concello vai poñer a súa Escola de Oficios… Alí esperou pola chegada dos forasteiros, que nin se levantou ó paso da procesión, que se lle cuarteaban os cadrís! Desde que se recolleu a procesión e saíron ó adro o señor Cura e mailo Pedáneo, Vicente, como puido, estirouse de pé na banqueta e pediu a palabra:

-¡Festeiros, veciños e, nembargante, amigos! Aquí teño de testemuñas ó Párroco, e tamén ó Pedáneo, con máis as persoas que sexan de fiar, de como por ante eles me teñen autorizado a cobrar neste Real de San Cibrao, unha moeda dun real pola cama de cada quen, que por aí están dispostas para os que se queden a durmir, empalmando as dúas festas. En vista do visto, fagan o favor de baixa-la man, e deixen quedar o seu real…, antes de que o malgasten na taberna!

Botoulles aquel responso todo seguido, dun folgo. Houbo algunha obxección, porque alguén preguntou polas sabas, pero a dialéctica do Vicente prosperou alegando que nos contratos, segundo lle dixera o seu Avogado, había que aterse ó “sentido literal de las cláusulas”. Que no trato ninguén falara de “sabas” senón dun abrigo de “rigorosa estrea”, e que se de colmo se facían capas, e ninguén dubidaba que fosen de abrigo, a palla do lugar tamén era de estrea, ¡e por suposto, de abrigo!

O señor Cura e mailo Pedáneo non viron mal que se quedasen aqueles cartos na parroquia, así que arbitraron a favor do Vicente, co que quedou instituído o famoso real da cama de San Cibrao, foro ou canon que tivo vixencia ata que o Alzamento do 36 rachou con aquela, e con algunha que outra das tradicións da festa de Montecubeiro, tal que o costume de pechar nunha corte da mesma Casa de Reigosa a tódolos incordiantes que montasen ou provocasen algaradas, fose de día ou de noite!

—-