Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde
Unha débeda histórica
Xosé María Gómez Vilabella
Nesta ocasión, aínda que a miña columna leve, e conserve, habitualmente, un chisco de humor, pido que se me tome en serio, que nunca máis serio estiven, nin estarei:
¡Abro unha subscrición, cun euro, como aporte simbólico,
inicial,
para erixir unha placa, un monumento,
en Castroverde,
ao noso insigne paisano
E fágoo non só en honor do homenaxeado, senón, e tamén, da muller galega, obxecto directo daquela intervención súa, tan oportuna, tan positiva como xusta e precisa:
Hay una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración.
(Estas verbas, emocionadas e emocionantes, de Manuel Cordero Pérez, con ocasión da súa defensa do voto feminino nas Cortes Constituíntes da Segunda República, foron recollidas por Alberto Vilanova Rodríguez na súa biografía do noso paisano, –nado en Castroverde no 1.881-, e atópanse no tomo 11 da Gran Enciclopedia Galega)
Hoxe, achegándonos ó Día da Muller, que cae no 8 de marzo próximo, a reflexión máis íntima ten que levarnos, débenos levar, a min polo menos, ás débedas contraídas coa muller en xeral, pero dun xeito máis persoal e directo ás da miña/nosa bisbarra, das que…, ¡das que sempre tiven complexo, polo listas e polo traballadoras que son, que sempre o foron!
¡Que razón tiña Manuel Cordero Pérez, e iso que non viviu a nosa Guerra no seu berce, no seu Castroverde, que lle cadrou estar do outro lado!
Cos homes chamados a filas, como en tempos de Cordero o foran á emigración, casadas e solteiras agarráronse ó temón…; ¡non do barco, senón do arado, que é máis duro, máis forte, menos manexable! E sen deixar de leva-los ovos, os queixos e maila manteiga á feira, coa outra man tiraron da corda do xato, e/ou da vaca, da niñada dos porquiños, da pata do carneiro marón… ¡O malo do caso foi que veu a requisa, as taxas, así que, máis que vender, tiveron que regalar!
Por falta de paxelos para mercar, ¡todas elas costureiras!, esganifaron sacos, e fixeron calzóns, ou batas, para a súa prole. Tiraron de tesoiras e raparon as ovellas; fixéronse con liñaza, e volveron ós teares; axugaron as vacas, e botáronse ó monte…, ¡precisamente ó monte onde se escondían algúns daqueles homes, daqueles fuxidos!, dándolle á fouz ca súa débil musculatura, para arramplar un carro de toxos; e tras dos toxos, apeitar co saco pro muíño; e amasar, e roxar, e face-la bola…, ¡para que non lles faltase un codeliño de pan saboroso ós seus fillos!
Se choraban, que o farían, iso foi a soas, que os nenos, na súa enteireza e no seu exemplo, nunca tal lles vimos. ¿Amazonas? ¡Non tal, que as nosas andaban a pé, polas corredoiras; e para ir á feira, e á Misa, que non as fosen tomar por roxas! Case sempre co feixe na cabeza, que cando non era o feixe era a sella, aquela dos aros dourados…!
A Guerra, oficialmente, durou tres anos, pero as quintas tardaron en licenciarse, un, dous, tres…, ¡segundo os casos! Cando volveron os homes, ¡os que volveron, que algún foise ós luceiros, e outros metéronse a Gardas!, viñan derreados, amargados, ou malferidos; con outro adestramento… Pero a muller non decaeu: Os nenos íanlle a escola, e cando non abría a Oficial, a do Estado, ben que se preocuparon de buscar mestres daqueles do “ferrado”, que xa non cobraban en ferrados, pero si que lles cabía/que nos cabía nun ferrado, a pouca ciencia que acadáramos. Os Curas das parroquias, ¡con tal de que a familia non tivese tacha de roxa!, facilitaron o ingreso de moitos rapaces nun dos Seminarios, Lugo ou Mondoñedo. O resto, en toda casa de certos posibles, ó Instituto, ou á Escola de Comercio. En canto ás nenas, con tanta escola desatendida, fose por depuración ou por mobilización do Mestre, a Escola Normal abriulles a porta grande…, ¡e saíron dez mestras por cada mestre!
Se Cordero merece unha placa, cousa que afirmo con toda a miña alma, as Mestras do rural, particularmente aquelas da posguerra, merecen…, ¡o Ceo! Mais, como o teñen ben merecido, xeralmente aceptado, esas non precisan do EURO para a súa placa conmemorativa, que lles darán, que lles daremos, a Gloria, de todo corazón, ofrendándolles espiritualmente este recoñecemento, esta evocación, esta admiración.
Se non é unha figura retórica aquilo de que Eva…, tal e cal, a muller, todas en xeral, ó longo da Historia, ben se leva redimido, ben leva estudado e traballado, particularmente nesta bisbarra onde contamos, hoxe en día, con mulleres que nos igualan, e que incluso nos superan, en moitos casos, nas máis diversas actividades e disciplinas. Fixérono, lográrono, dun xeito meritorio, individual, esforzado, dignísimo! ¡Por algo lles chamamos “donas”, por algo! O problema, de aquí en diante, pode ser que, de subidas ós altares, ¿que mozo se atreverá a casar con esas deusas que tanto se parecen ás Musas, a Ceres, a Cibeles, a Diana, a Minerva, a Venus…? ¡Igual é cousa de ir pensando que Deus é Mater, e non Pater, como sempre se nos dixo!
Manuel Cordero Pérez
Lugo 1881 (?) – Bos Aires (Arxentina) 1941
Membro da Comisión Executiva da UXT desde 1914 a 1932
(O editor)
Deixa unha resposta