Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde


Monumento ó emigrante descoñecido

Achegas de

Xosé Mª Gómez Vilabella

Esta historia, a diferenza das outras andainas, soñeina. Foi precisamente ó regreso da inauguración (da restauración) dos pendellos da Feira de Castroverde, que me deu por matinar que alí faltaba algo. Así que, matina que te matinarás, acabei durmido, e de durmido, soñei! Mais, xa que o recordo con tanta claridade, igual foi unha durme-vela! ¿Non se di que hai persoas tan imaxinativas que incluso soñan estando espertas? ¡E se eu fose un deses…?

De entrada, vinme petando ás portas da nosa Consistorial, onde me dixo un porteiro, que se parecía, que me recordou, ó vello

Casiano: ¡Pida noutra parte, que aquí ben se fixo promovendo e axudando a resucitar ese cadáver da nosa Feira…!

¿Noutra porta? ¿Acaso en San Caetano…? ¡Pero non me decatei de que alí estaban de festa, que era o 7 de Agosto…, en Santiago, tradicionalmente, o día de come-la cabra!

Ben cabreado por certo, ocorréuseme baixar ó Orzán…, por se retornaba algún indiano rico! Tantos pobres que de alí partiron…! ¡Eles entenderían o meu proxecto! Se Castroverde fose Avión, (Ourense), onde cada emigrante ten un pazo…! Naquel intre saía un barquiño… ¿Sería una “patera”, outra; unha daquelas que levaban ós emigrantes para alta mar? Alí, na Marola, admitíanos a bordo sen fianza e sen certificado médico…, aínda que estivesen comprendidos en quintas, que ese era outro motivo para desertar, e non o menor deles. ¡Aquelas guerras do Rif, aqueles galeguiños que non tiñan con que paga-las Cotas…!

Subido nunha rocha, ós poucos vinme rodeado de fantasmas: ¿Sería a Santa Compaña dos nosos emigrantes? ¿Serían os meus, os do meu Castroverde? ¡Ata serían, que eran moitos: homes, mulleres, nenos, nenas…! Con aquel auditorio rodeándome, espreitándome, entendín que o propio era falarlles, expoñe-las miñas razóns, fosen ou non desvaríos:

-Queridos amigos: Pretendo se-lo Presidente da Comisión Pro-Monumento ó Emigrante, que para iso fun morgado, un dos poucos que desertaron do arado…, mentres os outros, os outros primixenios, se dedicaban a buscar unha moza de casa rica, co capital en cartos ou en leiras, na propia parroquia ou na veciña, que lles levantase o Patrimonio…, sen expoñerse ás outras aventuras!

-Bravo; es un tío pistonudo! –Urrou un daqueles próximos máis próximos, deses que sempre se apuntan, e votan, ó gañador.

-¿Por que…? -Ousei inquirir.

-¡Evidente: Es tan afoutado que déche-lo disparo de saída!

Afagado, levantei o tono, e din en perorar:

-Paisanos, e nembargante, amigos: Estamos aquí, porto de saída pero tamén de retorno, nesta xuntanza, porque a nosa terra é agradecida, e quere demostralo erguendo un monumento ó Emigrante Descoñecido. Para iso, para darlle forma, contamos cun escultor dos grandes, en tódalas dimensións: ¡Paco Pestana! ¿Coñecedes algún descoñecido para indicarllo, para que o retrate como modelo?

Daquela oíuse unha mulleriña pequerruca, toda osos, que se quedara así de tanto parir fillos, pois a partires da primeira, nunca máis regras tivo:

-Na miña parroquia non hai descoñecidos, que todos trouxeron haiga, menos os meus, que todo se lles volveu axudar ó seguinte…; e cando estiveron colocados, tocóulle-la quenda ós fillos dos máis vellos…

Cortoulle a palabra un desagradecido, que non descoñecido:

-¡Fixeches mal, que por consecuencia diso eu non tiven man de obra barata…; nin para sachar, nin para cavar, nin para segar, nin para mallar…! ¡Por moito que o neguen os comunistas, sempre houbo clases, e sempre as haberá!

Para evitar disensións partidistas, vinme na obriga de moderar:

-¡Silencio, e que se achegue primeiro o máis antigo! Voulle dar a palabra ó patriarca dos oestrimnios…, aquí presente!

-¡Grazas, patrón! ¡Xa sabía eu que a antigüidade é un grado, igual que no Exército! Pero dáse a circunstancia de que eu non pinto nada, pois…

-¡Fale con franqueza, que estamos en familia! –Animeino.

-Daquela…; o caso é que, tanto aquí a miña dona coma eu, non somos emigrantes, senón, inmigrantes! Cando foi o diluvio, ó ve-lo verde de Castroverde, nós apeámonos en marcha, tirámonos da arca do avó Noé…, cunha teixa e mais un touro!

Un chusco, que os hai en tódalas asembleas, pitou desde lonxe:

-¡Diante dos meus avós só se apearon dous corvos…!

¡Non había forma! ¡Eramos galegos e seguiamos sen entendernos! Din unha finta:

-¡Que veñan os fillos de Breogán, eses do himno galego, pois os tales emigraron ós tres continentes…, que daquela non se coñecían outros!

Neste punto si que se armou a de Babel pois o de Europa non lle recoñecía dereitos ó de Asia:

-O teu suposto Continente non existe! Mira este mapa: esas terras non teñen separación nin derrego; e logo que aquí pon, “Eurasia”!

En vista do barullo, adiantouse aquel dos fillos de Breogán que fora cos portugueses á conquista de Sebta. ¡Á primeira das dez que houbo!

-¡Eu, que tamén son de Castroverde, emigrei para África…, e non precisamente pola quinta!

-¡África non é un Continente, non estaba separado…! –Rebatéronlle- Alí onde había un barranco, Fernando de Lesseps escavou un canal!

Tomou a palabra un señor vestido de pelicas:

-Chámanme Viriato, e fun pastor na Lusitania… Estando naqueles mesteres, presentáronse os romanos, que viñan preguntando polo Río do Esquecemento; para nós, Lima! ¡Ai, Deus, que estes van funda-la Gallaecia, a coiteladas, e aló arriba están eses amigos dos castros, entre eles, os meus parentes do Verde! Agarrei as tesoiras de rapa-las ovellas, pero eles tiñan lanzas, espadas, frechas…, así que me meteron un frechazo, aquí mesmo, en salva sexa esta parte, que foi peor que unhas almorrás! Desde aquela, desde os romanos, nesa terra verde non deron traballado para os señores, así que…, ou garda-las ovellas do morgado, ou as do señorito da Casa Grande, ou emigrar!

Tras deste, asomou outro portugués:

-Eu falo en nome dos suevos de Braga, que por alí somos máis bragados cós de Rozabragada…, dito sexa sen ofender á xente da Fonsagrada, unha xente única, o único lugar onde ergueron unha estatua ó seu gran Mestre, ó Mestre Portela, na propia Alameda…! Tamén fun un emigrante, que empecei no Rhin, e seguín para abaixo… ¡Volvo sen haiga, pero, con moitos poucos faise un moito…! Se na Fonsagrada honran así ós Mestres, aí, nese Castroverde, que tanto debe ós emigrantes, que se non fose por eles, polas súas divisas, aínda estarían sen redimi-los foros…, ¿non serán capaces de encargarlle esa estatua a don Paco…?

…/…

Do resto daquel soño nada lembro. ¡Non sei en que quedou a porfía! O que si sei é que desbotei as sabas e púxenme ó ordenador. Medio durmido aínda, e incluso sen lavarme as lagañas, que nin me parei niso, arrinquei o ordenador, aparecendo en pantalla este letreiro, que tampouco sei se foi soñando ou esperto:

Monumento ó Emigrante Descoñecido.

O que lembro é que no pedestal tiña unha estrela de cinco puntas…, unha por cada Continente!

¿Monumento ó descoñecido? ¡Pois claro! ¿Quen os coñeceu a todos, tantos millóns de almas nobres, xenerosas, sufridas, caladiñas…, pero, sobre todo,

remeseiros?

Eu non son quen para presidir esa postulación, mais…, ¿algún mozo? ¿Ou é que xa non quedan afoutados en Castroverde? Estas terras levan tempo a folgado, así que debemos confiar nunha nova, abundante, colleita! ¿Onde está a sementeira dese Colexio de Castroverde? Os Mestres son bos, que ben os coñezo; os alumnos, os cachos, sempre tiraron á olas… ¡Daquela só fai falta provoca-la xente, cargarlles as pilas!