SENTENZAS, FÍAS e RUADAS
na
bisbarra de Castroverde

Xosé María Gómez Vilabella

Un repasiño ó pretérito,
¡que non sempre foi pluscuamperfecto!

Unha dona ten sete fillas,
e a máis vella de cinco días…

A Coresma

O noso rural, esta bisbarra de Castroverde, ¡nisto máis ou menos coma as limítrofes!, xiraba, xirou ata fai pouco, polarizado por dous acontecementos periódicos: No material, as mallas; e no relixioso, a Coresma. Esa coresma das sete fillas, das sete semanas, suavizadas polo Concilio Vaticano II. En canto ás mallas, despois dese auxe da gandería, ou precisamente por culpa e por causa diso, estamos volvendo a elas, pero doutro xeito, mecanizadas por obra e graza desa maquinaria que recolle o millo, esa que espanta as curuxas, esa que non precisa do malle, ¡nin das espalladoiras!

¡Deus, qué espectáculo, qué estampa, aquel das nosas espalladoiras cimbrándose, adoneirándose, na escolma do trigo; aquela si que era danza e non esas que adoitan poñernos na Primeira!

¿Onde está o noso pretérito, exactamente ese, o pluscuamperfecto? ¡Eu situaríao centrado no ano 1.940, daquela que Castroverde superou os 9.000 habitantes! ¿Nove mil habitantes? ¡Iso, de feito, sen contar os de dereito, os ausentes! Pois daquela hai que volver a por eles, pero ben mantidos, ben nutridos, ben instruídos…, ¡que para corenta ladróns chegaron aqueles 40! O pandeiro está en boas mans: ¡Bos mestres e bos alumnos! Xente que sabe dirixir, ordenar, encouzar…, e que nos levará, Deus mediante, a un futuro esplendoroso. Pero tampouco é cousa de durmirse nos loureiros, que os demais están espertos…, ¡e compiten!

O progreso, sexa económico e/ou social, que ambas caras corresponden á mesma moeda, ten, ou debera ter, por lema, Avanzar sen destruír, modernizar conservando canto mereza a pena de ser conservado. Coido que tamén se podería enunciar deste xeito máis sinxelo: ¡Embelecer! ¡Iso: embelecer a vida facéndoa máis grata, máis saudable, máis perfecta, máis confortable, máis…! Por contra, o feísmo non está só en certas construcións materiais, senón, e tamén, na insensibilidade á que nos levan as tentacións prosaicas, acomodaticias; esa falta de discernimento, de selectividade, daquel que se considera con herdanza suficiente, rico e formado, e por ende, con opción a darse a gran vida, que adoita ser a mala vida. No XXI inventouse unha verba macanuda, pero aínda estamos empezando a entendela, e por ende, a cumprila: ¡A sostibilidade, o desenrolo sostible!

Mal se pode soster algo sen principios, sen fundamentos, sen alicerces; de aí que non sexa perde-lo tempo volve-los ollos ó pretérito, rememorar aquilo que fixeron, aquilo que inventaron, aquilo que experimentaron, os nosos vellos. Serve, fundamentalmente, para dúas cousas: Para entendelos, e para agradecerlles aqueles esforzos. Mal podemos entendelos se esquecemos os seus afáns, pero tamén os seus divertimentos, o seu xeito de expresar, tanto as súas ledicias como as súas protestas. En canto ós esforzos, daqueles oficios, daquel xeito de traballar, daquela inventiva, en tantas cousas ás que hoxe consideraríamos “atrasos”, xurdiron precisamente as técnicas, os usos e mailos costumes dos que hoxe gozamos. Non hai árbore sen raíces, non hai civilización sen precedentes, sen escaleiras.

E logo está iso de que, recolle-lo pasado, sexa na oral ou na escrita, tamén pode resultar divertido, estimulante, provocador de novas iniciativas. Dun tempo a esta parte, grazas a Niepce e a Daguerre, que obtiveron, dito nas súas propias verbas, a “fixación permanente das imaxes”, o pretérito deixou de selo: ¡Podemos poñelo en conserva, e abri-la lata cando nos pete! Algunhas cousas, que non todas, pois as inmateriais, agora que non adoitan contarse na lareira, só cabe transmitilas de vellos a novos, de xeración en xeración, pola voz ou pola escrita. E aquí está o que considero un deber social, cívico incluso, daqueles que vivimos, observamos e memorizamos certos acontecementos: ¡Pasa-lo facho, como agora se di!

¡E temos tantas cousas para lembrar, para transmitir! Pero coido que mellor será non anticipa-lo temario para que o lector sume á posible graza que lle fagan os feitos, e cos feitos, as circunstancias, a sorpresa de ir descubrindo que o mundo non empezou hoxe, senón onte, ou máis exactamente, antonte.

A nosa Revista Dixital, neste caso, e sempre coa intencionalidade de ser útil e grata, irá facendo de pantalla nesta “película” que promete ser de “longa metraxe”. ¡Que aproveite!

Nota: A imaxe do encabezamento, esa silueta, non nos mostra un guerreiro saíndo do noso castelo de Castroverde camiño das guerras coa mourería senón algo máis próximo a nosoutros: Un dos nosos cabaleiros brandindo a espada coa que executaban o galo naquelas “corridas”, tamén chamadas “sentenzas”. ¡Pero iso foi antes de abolirse a pena de morte!