MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA PENA BRANCA E OUTROS CUMIOS DO CONCELLO DE CASTROVERDE, AFECTADOS POR VARIAS EXPLOTACIÓNS MINEIRAS
Na Serra de Outeiro Maior, dentro dun ámbito de 37 kilómetros cadrados que afecta aos concellos de Castroverde, Corgo e Lugo, a empresa Ingemarga dispón dun permiso de investigación mineira, tendo proxectadas dentro do mesmo varias explotacións de granito, identificadas co nome “San Javier”.
Varias destas explotacións afectan aos Montes Fontenla e Lavandeira, no concello de Castroverde, propiedade comunal das parroquias de Barredo e A Meda, os cales se atopan coroados por cumios de nomes evocadores –Pena Branca, Pico do Outeiro, Castriño de Abaixo, Castriño de Arriba, Pena da Sarna, Pena da Ruza,…-, verdadeiros fitos paisaxísticos que son, á vez, miradoiros excepcionais dende os que é posible divisar fermosas panorámicas que se estenden en todas as direccións a kilómetros de distancia (por exemplo, dende a Pena Branca e o Pico do Outeiro en días claros é posible ver Lugo, situado a máis de 11 kilómetros) e puntos de referencia visual constante na contemplación da paisaxe dende o seu contorno exterior.
Nestes cumios, escasos de vexetación, aflora o estrato rochoso, singularizado pola presenza abundante de grandes bloques graníticos, redondeados polo paso do tempo e o azoute dos axentes climatolóxicos, configurando unha paisaxe case “escultórica” que nos transmite toda a forza e a esencia da xea. Algúns destes bolos pétreos, desafíantes das leis da gravidade e que semellan conxelados no espazo e no tempo por milagre da natureza, son especialmente aprezados polos practicantes de certas formas de escalada, mesmo de fóra de Galiza, ao escasear as formacións naturais axeitadas para estes deportes.
Os montes aos que nos referimos forman parte dunha área de fondas raíces históricas, surcada por itinerarios medievais, como o Camiño Primitivo –a ruta de peregrinación máis antiga á tumba do Apóstolo Sant Yago, desenvolvida sobre unha vía de orixe romana-, ou a que, desviándose da anterior nas proximidades de Bascuas, pasaba por Barredo en dirección ao concello de Pol, ao nordés.
A Pena Branca, o Pico do Outeiro e outros cumios próximos destes montes atópanse íntimamente vencellados ao Camiño Primitivo –discorrente a pouco máis de kilómetro e medio ao sur-, definindo conxuntamente un “territorio” identificable por razóns históricas e paisaxísticas. Seguindo ao historiador Ricardo Polín <<Non se pode entender o sinificado histórico do Camiño Primitivo ao seu paso por estes lugares sen asumir esta relación co territorio circundante>>, do que forman parte estes cumios, cuxa imponente presenza pódese apreciar dende a propia igrexa de Soutomerille, un dos fitos máis importantes de dito Camiño.
O valor destes elementos patrimoniais ponse de manifesto nos propios plans da Xunta de Galiza, entre os que se contempla a recuperación de Soutomerille e desta parte do Camiño Primitivo, vindo deste xeito a ratificar a necesidade de salvagardar a contorna destes bens.
As canteiras proxectadas nestes montes pretenden a extracción de granito para fins ornamentais (fabricación de chapados –revestimentos de fachadas, etc.- e pezas de certa dimensión), o que permite á empresa promotora beneficiarse das enormes prerrogativas previstas na lexislación de minas, como a de ocupar os terreos afectados en contra da vontade dos seus lexítimos propietarios (comunidades veciñais de Barredo e A Meda).
Trátase de canteiras a ceo aberto -co impacto paisaxístico que isto implica, agravado polo alta exposición visual dos frentes de explotación, previstos nos cumios- e están previstas para un tempo de actividade longo (30 anos), recoñecéndose no propio estudo ambiental realizado que os impactos producidos non se poderán empezar a recuperar ata a finalización. Estes aproveitamentos mineiros baséanse nunha investigación previa, consistente en sondaxes que non superan os 17 metros de profundidade, o que revela a intención de desenvolver explotacións superficiais, de grande economía para a empresa promotora pero que implican, pola contra, unha estensión e un impacto paisaxístico moito maiores.
O granito que se pretende extraer nestes montes é unha granodiorita moi feldespática e cun moi baixo contido de cuarzo, pouco resistente á meteorización -polo tanto, moi alterable– e cun aspecto moi común (tonalidade Branca grisácea), características que o fan pouco interesante comercialmente como rocha ornamental (tendo en conta as calidades existentes no mercado). Ao anterior hai que engadir que, de acordo coas sondaxes realizadas pola empresa Ingemarga, as zonas que se pretenden explotar presentan distancias curtas entre as diaclasas (separación entre diferentes estratos graníticos), o cal limita o tamaño dos bloques e chapas que se poden obter a partir das rochas, estimándose que o aproveitamento previsto -granito ornamental- non alcanzará nin a terceira parte da pedra extraída.
De levarse a cabo, a incidencia destas explotacións sería estremadamente alta, así como prolongada no tempo, tanto polo que se refire ao impacto paisaxístico -pola alta visibidade das zonas afectadas, dende varios kilómetros á redonda-, como en especial, sobre a parte destes montes visible dende o Camiño Primitivo. Estas canteiras proxectadas tamén afectan aos propietarios destes montes, como os veciños de Barredo, con proxectos de aproveitamento ben distintos -plantación de especies forestais autóctonas iniciada recentemente- e con varias captacións de auga que se poderían ver afectadas como consecuencia daquelas.
Nos estudos de impacto ambiental realizados pola empresa mineira non se contemplan, como deberan, alternativas de localización das zonas de explotación. O criterio básico para seleccionalas foi o de buscar a máxima facilidade/economía de extracción, o que fai que zonas onde o granito aflora á superficie, como as dos cumios citados, sexan as primeiras candidatas.
Existen formas de conciliar os intereses económicos do sector mineiro co interese xeral de protección do noso patrimonio cultural e natural. Ademáis da posibilidade de aproveitamento mineiro soterrado -modelo xa desenvolto noutros paises da nosa contorna, o cal temos que reivindicar para Galiza á vista dos destrozos ambientais que producen as canteiras a ceo aberto-, dentro dun ámbito tan amplo como o do permiso de investigación de Ingemarga (37 Km 2) é posible atopar moitas alternativas de situación nas que o impacto paisaxístico dunha explotación a ceo aberto sería moi inferior (por exemplo, prevéndoas, a cotas máis baixas e non nos cumios) e onde non se menoscabarían os demáis valores concorrentes na área afectada -históricos, recreativos, etc.-.
En resumo, a ameaza real de degradación que se cerne sobre os montes de Barredo e A Meda só é entendible dende a óptica da optimización do beneficio empresarial, nun contexto socioeconómico que se resiste a abandonar as fórmulas de “desenvolvemento fácil” (explotación irracional dos recursos naturais), o que fai necesario, máis que nunca, a concienciación e reivindicación cidadán, para trocar dito modelo cara a formas de aproveitamento sostible que non poñan en risco o patrimonio e disfrute colectivos.
Na época actual, en que crece con forza na nosa sociedade a sensibilidade por todo aquelo que atinxe á protección do medio ambiente, da paisaxe e do patrimonio cultural (como pon en evidencia o marco lexislativo vixente e os proxectos normativos en marcha -Lei da Paisaxe,…-) e tendo en conta as circunstancias das citadas canteiras (existencia de alternativas de situación, baixo aproveitamento esperable, pequena e incerta repercusión na economía local, etc.), resulta inxustificable que unha paraxe de valor paisaxístico e histórico como a dos citados montes poida ser degradada de xeito irreversible por este tipo de explotacións.
Polos valores históricos, paisaxísticos,… aos que se fixo mención, estes deben ser obxecto dunha especial protección que garanta a súa conservación e mellora, póndoos a salvo de calquera actuación que poida estragalos, como serían as canteiras proxectadas.
Existen diferentes vías para acadar dita protección, como a que brinda o Plan Xeral de ordenación do concello de Castroverde, actualmente en tramitación, e as previstas na Lei de conservación da natureza, na que se definen diferentes réximes aos que se podería acoller a paraxe afectada: “monumento natural”, “paisaxe protexida”, “espazo protexido de interese local” ou “espazo privado de interese natural”, pudiendo ser instada a correspondente declaración mesmo por particulares.
Polo tanto, por medio do presente escrito os seus asinantes reivindicamos a protección dos montes citados -especialmente da Pena Branca, do Pico do Outeiro e doutros cumios próximos ao Camiño Primitivo-, apoiando de xeito expreso calquera iniciativa destinada a promover a conservación e potenciación dos seus valores paisaxísticos e patrimoniais, en especial a presentación de calquera instancia dirixida a tal fin ás Administracións Públicas implicadas.
Lugo/Castroverde, marzo de 2.007.
Nota:
Para colaborar imprimir o Manifesto e facer unha táboa, co seguinte encabezamento e enviar ao enderezo da Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde :
Manifesto pola protección de Pena Branca e outros cumios do Concello de Castroverde afectados por varias explotacións mineiras
NOME E APELIDOS ENDEREZO DNI SINATURA
Deixa unha resposta