Reserva da Biosfera Terras do Miño
———————————————–
A Asociación Galega de Custodia do Territorio e Charcas con Vida convocan unha xornada de voluntariado ambiental para creación de charcas que se celebrará o día 30 de novembro na Casa das Insuas.
Durante esta xornada recuperaremos unha antiga canle de rega situada na cabeceira do Prado da Ponte, finca custodiada pola AGCT na que a entidade desenvolve diversas actividades de educación ambiental e conservación da natureza. Crearemos tamén unha nova charca para ofrecerlle á flora e á fauna da zona un novo hábitat, moi escaso e ameazado na zona.
As canles de rega e as charcas de prado foron unhas estruturas de grande utilidade durante o pasado, xa que se usaban para regar as fincas e para acumular auga para usar durante a época estival. Os animais tamén as usaban para desenvolver o seu ciclo vital, alimentarse, reproducirse, etc. É por iso que este proxecto vai ter unha grande influencia sobre a conservación da biodiversidade da zona.
Con este proxecto, tamén pretendemos implicar ao voluntariado nunha actividade de especial interese para a conservación dos invertebrados, anfibios… que viven nos sistemas acuáticos e recuperar os antigos usos tradicionais que se lle daba a auga na agricultura.
O voluntariado contará con seguro de accidentes, comida e ferramentas apropiada. Será necesario levar roupa de traballo e botas de auga.
Para inscribirte, envía un correo a [email protected]ou no 630-94.82.93 (Martiño).
Esta actuación enmárcase no proxecto Charcas con Vida, coordinado por ADEGA que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. As actividades da Casa das Insuas son organizadas pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, realízanse coa colaboración co Concello de Rábade.
Unha aperta,

A Xunta Directiva da AGCT
Asociación Galega de Custodia do Territorio
[email protected]
www.custodiadoterritorio.org
www.casadasinsuas.org