Plataforma por unha Ulloa Viva

Escribímosvos entusiasmadas pra convidarvos de novo á manifestación que, baixo o lema "Dende a Ulloa ata a Ría; terra, auga e aire son vida!", terá lugar o vindeiro domingo 26 de maio ás 12.00 horas en Palas de Rei.

Imos festexar que finalmente entregamos máis de 25000 alegacións mostrando a nosa repulsa contra o proxecto da macrocelulosa de Greenfiber en Palas de rei.

Na espera da súa resolución precisamos mostrar forza nesta manifestación e dicirlles que esiximos unha resolución negativa, dicirlles que non nos convencen os seus argumentos de que este proxecto é o futuro.

Sería un futuro ben triste que nos levaría á expulsión das persoas que habitamos o rural e un roubo dos tesouros tan ben custodiados polas xentes que coidaron o territorio antes ca nós: A TERRA, A AUGA E O AIRE, A VIDA. Deixando un rural totalmente esnaquizado para as que veñen.

Agardamos que unha vez máis nos axudedes nesta loita. Para facilitar as posibles fallas ao encher unha vila tan pequena coas vosas forzas, deseñamos algúns puntos importantes á hora de achegarvos que vos aconsellamos que sigades:

O percorrido dará comezo no Polígono Industrial de Palas de Rei e rematará na Praza da Feira.

A orde de colocación na manifestación estará encabezada pola veciñanza, os grupos vivos dos diferentes concellos afectados e o ecosistema alimentario local (persoas e iniciativas produtoras, industria de transformación alimentaria, hostalaría, etc.); a continuación, nesta orde, situaranse: colectivos sociais do territorio, organizacións ecoloxistas, sindicatos e, finalmente, partidos políticos.

A efectos de garantir a organización da manifestación, haberá un servizo de orde identificado durante todo o día.

Haberá aparcamentos sinalizados. Pedímosvos que se tedes boas pernas, aparquedes en ponterroxán (se vides da zona compostela) ou en filgueira (se vides dende friol ou a autovía de lugo). Se vides da zona Ourense intentade aparcar en batería na avenida de Ourense para que collan a maior cantidade de coches. Estos aparcamentos están detallados no mapa adxunto.

Pedímosvos tamén, a ser posible, que compartades coche. A plataforma habilitou un evento no facebook para que vos poñades en contacto entre vós e así facilitar que poida ser posible. https://www.facebook.com/events/424855306959599/

Ademais diferentes organizacións que colaboran na manifestación poñen a vosa dispoñibilidade un servicio de bus. No anexo de TRANSPORTE tedes toda a información detallada

Mapa-Guia Manifa Ulloa Viva.pdf

TRANSPORTE-1.pdf