Breve resumo:Visita cultural á Parroquia de Cela (caneiros, batuxos, cruceiros), Olaría de Bonxe – Casa Mueso Manuel María e Carballeira de Sta. Isabel – Outeiro de Rei.
Sábado, 07 de maio-2022
Nun fermoso día deste comenzo do mes de maio, realizamos a visita á parroquia de Cela, onde nos agardaba o noso amigo, Orlando Vivero que fixo de guía, agradecemos desde aquí que nos acopañara e explicara a importancia do río Miño, tanto pola pesca coma pola riqueza paisaxística e agraria que tivo a contorna destas terras do MIño e concretamente da parroquia de Cela, salientando a importancia dos batuxos, lavadoiros, portos Miguel, Agostil, do Barco e San Roque. Salientando outros elementos patrimoniais como poden ser os cruceiros, un deles dos canteiros de Román, onde é de salientar toda a simboloxía da pasión, entre outros elementos. A seguir visita á Olaría de Bonxe onde a súa dona, Pepa, amosou o proceso da elaboración dos diversos utensilios a partir da extracción dos diferentes tipos de barro, a elaboración e coción dos diferentes “cacharros” desde os sitemas tradicionais ata os máis modernos. Rematamos coa visita ao museo, verdadeira exposición a través dos tempos e a importancia dos cacharreiros, ata a tenda onde amosa a produción máis actual.
Despois de xantar visita á Casa Museo Manuel María, onde nos agardaba Antón que nos explicou a vida e obra do Manuel, que non imos comentar aquí ; agradecer as súas atinadas explicacións , o xogo que nos fixo con versos da obra de Manuel María. Aproveitamos para ler o poemas “Ainda teño a esperanza” e cantar, tararear o poema “O Carro”.
Rematamos a xornada coa visita á carballeira de Sta. Isabel, caneiro, muíño, ver a confluencia dos río Miño e Ladra, visita á capela de Sta. Isabel, rematando coa lectura de “Cantiga da Romaxe de Santa Sabel”
Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.
Manolo M.B.
Deixa unha resposta