RESUMO ROTEIRO ARREDORES DE CATRO VERDE
Sábado, 13 de marzo de 2021
Como estaba previsto, saimos da praza de Castro Verde, ás 10:30 h., o día parecía que non ía deixarnos disfrutar, chovía con ganas, mais pouco a pouco foi calmando a choiva e mesmo vimos o sol, seguimos polo campo da feira, camiño de Cubelas por debaixo da Veiga do Olmo, Mesón da Cabra, (O Cabrito), sartegos de Recesende e voltar polo Camiño Primitivo, por Penalonga, San Miguel do Camiño, Penas de San Lázaro, A Fortaleza.
Aproveitamos o roteiro para inaugurar o panel explicativo de Recesende, que reza como segue:
CONXUNTO MONUMENTAL DE RECESENDE
RECESENDE, San Cibrao
(ant. Villa de Recesindi, c. 998, de probable orixe antroponímica Recesindus).
Freguesía integrada polos lugares de Penalonga (onde naceu en 1883 o eminente oftalmólogo Jerónimo Sal Lence), Mesón da Cabra e O Curral.
Conxunto histórico ubicado na croa dun importante recinto castrexo con posición dominante sobre o estreito val fluvial no que conflúen o Camiño Primitivo de Santiago ou francés de Oviedo co río Chamoso, lugar onde se erguen as ruínas da antiga casa do Mesón e a ponte decimonónica.
Entre os seus elementos patrimoniais destacan os restos arqueolóxicos correspondentes ás oito tumbas altomedievais (Inventariadas cos códigos: GA27011033), a pequena igrexa consagrada a San Cibrao e a casa de Recesende na que a súa pedra de armas remite á liñaxe da familia Teixeiro á que corresponde o prolífico escritor Miguel García Teijeiro (1867-1936), residente nesta mansión outrora rodeada de carballeiras centenarias en cuxa ladeira encontramos a tradicional Fonte do Caño.
Volta, a Vila polo Camiño Primitivo, polas Penas de San Lázaro, onde reivindicamos, a traza histórica do mesmo, podendo comprobar como desapareceu a simboloxía alí colocada, ¿a quen molestaría?. Subimos ata o pé da Torre da Fortaleza que lucía, esplendorosa, naquel momento, mágoa que non se dea recuperado e teñamos que ver como caen os seus muros.
Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.
Deixa unha resposta