RESUMO VISITA CULTURAL Ribeira Sacra

Concello de Sober

Sábado, 18 de xullo de 2020

Este día caluroso e luminoso do mes de Santiago transcorreu facendo as visitas programadas. En Sober agardábanos María, a guía que nos acompañou ao longo do día, a quen agradecemos as explicacións e atencións.

Visitamos en primeiro lugar a igrexa de Proendo e petróglifos do Xestal. Unha das parroquias de maior interese histórico dentro do municipio.

A maioría dos historiadores atribúenlle unha orixe romana, aínda que hai quen defende que a súa orixe é sueva. Constantemente aparecen restos deste antigo poboado. Os de maior interese arqueolóxico descubríronse no ano 1945, nesa ocasión atopouse unha tumba, un esqueleto, dúas campás e outros obxectos de bronce e cerámica que foron depositados no Museo Provincial de Lugo.

Polo que respecta á igrexa parroquial, o edificio actual levántase sobre a primitiva fábrica románica, da que aínda se conservan algúns restos, que datan probablemente da segunda metade do século XII. No seu interior consérvanse interesantes pinturas murais.

A seguir visitamos varios petróglifos entre os que destacan os da finca O Xestal, tamén nas proximidades da igrexa parroquial. A importancia destes gravados radica, xunto co seu valor intrínseco, na súa localización, moi oriental, afastada do foco principal de gravados rupestres en Galicia, que se sitúa na provincia de Pontevedra.

Logo destas interesantes visitas, achegámonos ao miradoiro de Santiorxo sobre o canón do Sil. Continuamos coa visita á igrexa de Lobios que é unha interesante mostra do románico rural, con elementos de transición e oxivais. A súa construción data do século XIII. Antes desta igrexa había un mosteiro visigodo do século X. Moi pretiño da igrexa está a capela da Raíña dos Anxos. Entre a igrexa e a capela hai un interesante cruceiro á marxe dereita da estrada. Rematamos a mañá visitando o souto de Lobios, con castiñeiros centenarios, unha verdadeira xoia, mágoa que non haxa asociación veciñal ou administracións que coiden ese extraordinario souto.

Pola tarde visita ao miradoiro e santuario de Cadeiras. Fermoso lugar, non só polo miradoiro, senón polo santuario coa súa igrexa levantada no século XVIII cunha das torres sen rematar. Salientar tamén as edificacións da súa contorna e os dous carballos que hai á entrada do santuario.

Seguimos coa visita á adega Décima, onde Xosé Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra nos explicou todo o relacionado co mundo da viticultura, dámoslle as grazas desde aquí pola súa amabilidade.

Rematamos a xornada coa visita ao miradoiro do Castelo, con fermosas vistas sobre os viñedos da zona, canón do Sil e terras de Castro Caldelas.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.

A mediados do mes de Santiago ou da sega de 2020