Este sábado, día 18, ás 6 da tarde, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, retoma a súa programación cultural após o período de Nadal. E faino co espectáculo cómico “Saaabor”, que protagonizan Fran Rei e Félix Rodríguez, so a dirección de Avelino González e producida por Culturactiva SCG.

Saaabor!, é unha proposta cómica que mestura música, maxia, humor, moito ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os seus protagonistas convértense durante máis de unha hora en dous recoñecidos chefs que oferecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, afinado menú do día: un comida moi musical para todo o público que asista.

Esta proposta de comedia e teatro de rúa vai dirixida para público familiar (de 5 anos en diante) e o prezo do billete é de 2 euros. Reservas en contacto.