REDE MUSEÍSTICA DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Departamento de Difusión

Praza da Soidade, s/n. – 27001 LUGO Telf.: 982 24 21 12 Fax: 982 240 240 difusion /www.museolugo.org

NOTA INFORMATIVA

Mañá xoves, ás 20:00 horas, terá lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (Deputación Provincial de Lugo) a inauguración da mostra O poder da presenza. Eliminando os límites autoimpostos. Esta exposición, patrocinada pola Deputación de Lugo a través da súa Rede Museística, amosa obra das galegas Ana Kala, Luz Darriba, Mónica Alonso, Nuria Lago, Paula Noya, Reme Remedios, Ruth Lodeiro, Ruth Montiel Arias, Yolanda Dorda e Xisela Franco, as asturianas Emma Fernández Granada e Natalia Pastor, e as castelán-leonesas Mariña Núñez e Yolanda Santamaría.

A segunda edición do PODER DA PRESENZA de Mujeres Mirando Mujeres. ELIMINANDO OS LÍMITES AUTOIMPOSTOS, organizada por Arte a un Click e comisariada por Mujeres Mirando Mujeres, foi convidada pola Deputación Provincial de Lugo como parte da súa programación cultural, sumándose así ao proxecto da Rede EU… TI… ELAS… NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE".

Mujeres Mirando Mujeres é un proxecto de arte e xénero que celebrou xa a súa V edición, cuxo obxectivo é poñer en valor e dar visibilidade ao traballo de mulleres artistas e axentes de arte. Con “O poder da Presenza. Eliminando os límites autoimpostos” dá continuidade ao proxecto expositivo iniciado o ano pasado dando o salto do plano virtual ao espazo físico.

Seguindo o ronsel desa primeira edición na que se presentou o traballo de artistas, xestoras e comunicadoras das tres primeiras edicións de “Mujeres Mirando Mujeres”, presentaranse, nesta ocasión, o traballo de 14 artistas procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria, participantes nas cinco primeiras edicións de MMM.

Ademais da Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, a exposición, que pode verse ata o 18 de decembro, estenderase a todos os museos da Rede Museística Provincial de Lugo. Así, poderá verse a obra de Natalia Pastor no Museo Provincial de Lugo, de Reme Remedios no Museo Fortaleza San Paio de Narla, de Ruth Lodeiro no Museo Provincial do Mar, e de Xisela Franco, no Museo Pazo de Tor. Nestes casos, farase unha relectura das obras para xerar un diálogo reivindicativo e natural coas obras dos propios museos.

O acto inaugural contará coa presenza de Dª Tereixa A. Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo; de Encarna Lago, xerente da Rede Museística e de Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo.

Lugo, 30 de outubro de 2019

AF Diptico expo Lugo 40x20cm.pdf