Este sábado na Casa-Museo Manuel María programamos, para as 18 hrs, a obra de monicreques “A familia unida”, que levará a cabo Títeres Mircromina. A peza, de 50 minutos de duración, é un clásico de luva libre e desenfadada, chea de ritmos, xogos e cachiporra, que se mira na tradición Pulcinela, Bululú e Punch.

A sipnose da obra é a seguinte: André, o presidente, propietario e presentador do espectáculo busca empregado. A quen non lle interesa un bo traballo , unha colocación de por vida para un emprendedor coas mellores condicións de traballo posíbeis? Cromina, despois de ser pai, enfronta a súa natureza casual e festeira á responsabilidade e seriedade das circunstancias a través de clásicos como a autoridade, a paternidade, o dragón e até enfrontarse á propia morte.

A obra programada encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.

A entrada é libre (para todos os públicos a partir dos 4 anos) até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto ou chamando ao teléfono 698177621.

Saúdos. Casa-Museo Manuel María