RESUMO ROTEIRO: DÍA MUNDIAL DO PATRIMONIO

REIVINDICANDO O CONVENTO E IGREXA DE MONTECUBEIRO

E A TORRE DA FORTALEZA – DOCUMENTAIS e MAGOSTO

Onte, día 10 de novembro, unímonos á Rede de Patrimonio, para celebrarmos o Día Mundial do Patrimonio que se celebra ao longo do mes de novembro.

A nosa asociación decidiu celebralo reivindicando o arranxo destes dous monumentos, mais non esquecemos San Martiño de Bolaño, Soutomerille, a igrexa de Cellán de Mosteiro e moitos outros monumentos, desde o Pazo de Carballedo ata as pequenas capelas, muíños, hórreos, pombais que están sepultados debaixo das silvas, toxos…

Comezamos no Campo de San Cibrao de Monte Cubeiro, onde Ricardo Polín nos explicou, unha vez máis, a importancia desta parroquia, coas súas 37 aldeas e vida cultural e social que tivo ata os anos 70 do pasado século. Agradecer, desde aquí, que nos acompañara para ilustrar o percorrido.

Reivindicamos, unha vez máis o deterioro da igrexa e convento de Monte Cubeiro, puidemos ver como se deteriora cada ano, cada vez que imos visitar estes monumentos, somos sabedores, da preocupación do seu párrroco (D. Manuel V. Gorgoso) para recuperalos, mais os atrancos son múltiples a as axudas brillan pola súa ausencia, solicitamos, desde aquí a intervención urxentes das autoridades, locais, autonómicas e eclesiásticas para que conserven este importante patrimonio.

A seguir, achegámonos a Bolaño, pasando polo Barreiro, rego de Ósos, que vai ao río Azúmara, o cruceiro, Os Vilares; onde fixemos unha parada para visitar a Casa de Turismo, Casa Longarela, das nosas socias e amigas que, sempre nos reciben tan amablemente, graciñas!. Pasamos a carón do Albaredo, O Vitureiro, visualizando á nosa esquerda a Serra do Pradairo ou “Mirador”. Continuamos descendendo, paralelo ao río Chamoso que arranca do rego Esbaradoira, por onde, o ano pasado, fixeramos outro roteiro lembrando a a D. Rogelio, que fora cronista oficial de Castro Verde, aínda estamos a agardar que o Concello restableza esta figura.

En Bolaño visita á igrexa con referencias á importancia desta parroquia e ás súas orixes en San Martiño. Salientar, entre moitas outras cousas, que nunha das esquina da fachada principal, quedou a pedra do que ía ser un reloxo de sol.

Percorrido pola parroquia, fixándonos, na casa dos Osorio, que conserva dous escudos, hórreo, lagas, quiosco da música, ponte sobre o Chamoso e lavadoiro.

De Bolaño a Castro Verde, pola Pala, rego de Riazor; ao seu carón aínda permanece un dos castiñeiro máis impoñentes do noso concello, subindo ao pé do Monte do Castelo para facer unha breve visita á Torre da Fortaleza cunha pequena parada na Praza do Rolo. Insistimos, unha vez máis, na necesidade de que a Torre sexa propiedade do Concello e que se recupere para un museo ou outra función pública.

Pola tarde.

Visualización dos Documentais:

Madre y Maestra, de Serafín Trashorras, a quen agradecemos que nos acompañara na presentación do documental, na que a protagonista é súa nai, oriúnda de A Pumarega. Graciñas unha vez máis.

Viaxe de Ruth, da autoría de Xosé Reigosa, outro importante documento sobre a viaxe desta norteamericana, nos anos 1920 que nos permite visualizar os cambios que aconteceron na Nosa Terra, aproximadamente, nestes 100 anos. Graciñas igualmente Reigosa, por este excelente traballo.

Para finalizar a xornada participamos no Magosto, achegando algún doce e participando na queimada.

Saúde, Terra. Lingua e Patrimonio.

Manolo