RESUMO VISITA CULTURAL A BETANZOS OU UNTIA

Sábado, 17 de febreiro 2018

Tras dunha semana de choiva intensa temiamos que o sábado nos impuxese unha viaxe pasada por auga, mais o ceo abriu para irradiar cunha luz xenerosa os lugares que visitamos. E sen dúbida foi un regalo que houbemos de agradecer, xa que a nosa primeira parada levounos ao máxico Parque do Pasatempo. Que se pode dicir dun dos lugares máis fermosos e estraños de Galicia, despregando os seus misterios para nós baixo o intenso sol da mañá? E non foi senón grazas aos nosos guías, Dani e Ángel, mozos betanceiros apaixonados polo lugar e pola súa preservación, que o Pasatempo nos foi revelando os seus segredos agochados. Así, e grazas ás sempre pertinentes e detalladas explicacións dos dous rapaces, descubrimos a simboloxía oculta nos muros e estatuas relativa ao autocoñecemento, ás viaxes (físicas e interiores), ao desenvolvemento persoal e, en suma, ás inspiracións e influencias masónicas que imbuían aos seus creadores, os irmáns García Naveira, indianos filántropos da localidade que a principios do século XX erixiron este seu capricho.

Empapados da mística de tan único entorno, despois de máis de dúas horas marchamos, guiados neste caso por Alicia López Prado e o seu marido, Miguel, da asociación amiga Roxín-Roxal de Paderne, cara ao noso seguinte destino: o antigo Matadoiro, obra tamén singularísima do modernismo en Galicia, que ese día albergaba unha iniciativa popular de troco de sementes pertencentes a variedades autóctonas de cultivos, e un mercado de produtos ecolóxicos e alternativos.

Acabada esta segunda visita, e estimulados pero famentos, recalamos nun restaurante a carón do manso curso do río Mandeo, onde o xantar e a bebida repuxeron as nosas forzas de cara á visita da tarde: un percorrido polo centro histórico de Betanzos, con parada no importante CIEC (Centro Internacional de Estampa Contemporánea), adicado á difusión e á promoción da arte gráfica), e un feliz encontro con Alfredo Erias Martínez, director do Museo das Mariñas e pintor, debuxante, gravador e tamén historiador. Esta derradeira faceta fixo as nosas delicias na medida en que, recalando nas tres magníficas igrexas góticas que ten Betanzos (Santa María do Azougue, San Francisco e Santiago), foi facendo revivir na súa voz os tempos dos Andrade e facendo falar ás pedras de antano, arrincándolles as súas mensaxes agochadas e traéndoas ata o presente para nós.

Como colofón, algúns dos asistentes á visita cultural puidemos, tamén da man de Alfredo Erias, albiscar algunhas das salas do citado Museo das Mariñas, o que confirmou a sensación que tivemos ó longo de toda a xornada e coa que voltamos a casa: Betanzos alberga grandeza, riqueza e beleza.

Agradecer e dar as grazas a; Dani, Ángel da Asoc. Pasatempo, Alicia e Miguel de Roxín-Roxal e a Alfredo Erias.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio

Adolfo e Manolo

18 de febreiro de 2018