BREVE RESUMO II MERCADO DE NADAL

No día de onte, domingo, celebrouse en Castroverde o II Mercado de Nadal, a nosa asociación foi convidada a participar con propostas propias. Foi así que decidimos contribuír cos elementos que mais nos pareceu que se axeitaban ás datas e á natureza da proposta. Por unha banda, e polo lado culinario, decidimos recuperar unha tradición gastronómica destas festas no concello: o caldo de castañas. Por outra, decidimos engadir un pouco de animación típica tamén destas datas e lares cun pequeno coro de panxoliñas arranxado para a ocasión.

Chegamos aos pendellos na primeira franxa da mañá para dispoñer as cousas o antes posible no espazo asignado: decoración, libros dos roteiros, folletos, e as zonas para a comida que había de chegar. E pronto foi chegando: primeiro o caldo de castañas, o prato forte da xornada, e pouco a pouco biscoitos, galletas, doces de cabelo de anxo, e a outra estrela culinaria: as filloas. Precisamente de filloas e de caldo, o máis abondoso, foi do que a xente foi collendo e pedindo con máis asiduidade ao longo da xornada, e por iso as peticións do prezado líquido continuaron tempo despois de que se rematase co contido da pota.

Buscando unha pequena raxeira a carón do micrófono, o coro circunstancial comezou a ensaiar pezas ben coñecidas por todos: o “Chiquirritín”, “Campana sobre campana”, o clásico en latín “Adeste fideles” e varios outros. Dalí a pouco as voces comezaron a proxectarse con firmeza enchendo aquel recuncho, soando polos altofalantes e gañando ao cabo os aplausos dos oíntes próximos.

Así foi pasando a mañá, cantando, comendo e ofrecendo libros e folletos, ata que chegou a hora da comida, que celebramos na acostumada alegre reunión con polbo, churrasco e viño. Pola tarde, tras outro pequeno tempo nos pendellos, recollemos para asistir á obra de teatro que os alumnos de 4º da ESO do CPI representaban no salón de actos, con posterior sorteo dunha cesta de Nadal e outros agasallos.

E cun magnífico solpor no horizonte do que Castroverde disfrutou por riba da espesísima néboa circundante, rematou a xornada en plácida satisfacción.

Adolfo López Marín