Proxección documental "Polas Bravas!"

ADEGA convídate a proxección audiovisual “Polas Bravas!” que terá lugar o vindeiro luns, 28 de novembro, ás 20.30 horas no Museo provincial de Lugo (Pza. da Soedade) e que organiza dentro do IV Ciclo documental “A nosa Terra, a nosa Cultura”.

Anímate a acompañarnos!!

Máis información: http://adega.gal/axenda.php?id=388&idioma=gl&sec=11

O vindeiro luns, 28 de novembro, ADEGA proxectará no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, ás 20:30 h., o documental "Polas bravas" de AVINZA GDR, no marco do IV Ciclo Documental “A Nosa Terra, A Nosa Cultura”. ADEGA promove este ciclo por cuarto ano consecutivo dentro da campaña "Ponte no medio. Móvete polo Territorio", destinada a defender o desenvolvemento sostible do territorio. Neste cine-fórum expóñense traballos audiovisuais galegos e en galego que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais de difusión e que teñen que ver co noso patrimonio natural ou cultural. O ciclo documental, ademais conta coa apoio da Área de Cultura da Deputación provincial de Lugo.

Coincidindo cun dos momentos do ano no que máis se destaca o papel das mulleres na sociedade e se reivindica a súa igualdade con respecto ao xénero masculino, ADEGA decidiu dedicar esta segunda sesión do ciclo documental tamén á muller, coa obra galega "Polas bravas", de AVINZA GDR. Este proxecto audiovisual retratafeitos e sentimentos de mulleres do rural ourensán, achegando unha visión íntima e profunda de varias mulleres sobre a vida. Segundo a sinopse deste documental, ovídeo tamén ofrece un reflexo dos diferentes xeitos de gañar a vida no campo: desde a agricultura até a creación de leite de burra, mel ou pan. Este traballo da Asociación Avinza ten como protagonistas a seis mulleres que residen en concellos da Reserva da Biosfera Área da Allariz.

Charla-coloquio

Como en todas as sesións do ciclo, ao remate da proxección promoverase o diálogo entre os autores da obra e o público asistente, a xeito de reflexión, comentarios ou inquedanzas que suscite a obra. Desta forma, a sesión documental convértese tamén nun espazo de debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio. Desta volta, contaremos coa presenza de Eva González Pérez, coordinadora de AVINZA GDR.