BREVE RESUMO DO VIII IRMANDAMENTO DOS CASTRO VERDES IBÉRICOS EN CASTROVERDE DE CAMPOS (ZAMORA)

Nunha luminosa mañá, a delegación da nosa asociación viaxou á dourada terra castelá para asistir aos actos do VIII Irmandamento dos Castro verdes Ibéricos.

Á nosa chegada a Castroverde de Campos fomos afectuosamente recibidos, e tras un breve descanso acudimos á fermosa igrexa de Santa María del Río. Alí déuselle a benvida oficial tanto á nosa delegación como á portuguesa, fíxose lectura dun interesante documento que parece revelar vencellos históricos entre os dous Castroverdes hispanos, e asináronse as actas deste encontro. A continuación tivo lugar un concerto de acordeón e voz, no que a última peza interpretada correspondeu á presentación do himno de Castroverde de Campos.

Tras do acto achegámonos á praza do concello para asistir á inauguración dun animado mercado medieval que encheu o lugar de son e cor. O son correu en boa medida a conta dun grupo de música tradicional da zona. A afluencia de xente foi considerable, aumentada pola que visitou no edificio do concello unha exposición fotográfica que percorría a historia recente da vila.

Á hora do xantar fomos agasallados cunha comida tan abondosa como saborosa, na que os asistentes puxeron de manifesto o espírito amistoso do que nace este irmandamento. Tras da mesma retornouse á praza para proseguir o desenvolvemento do mercado medieval, onde a cadea Ser entrevistou aos alcalces dos respectivos concellos, e á noite, despois da cea, houbo novamente música.

Na mañá do domingo as delegacións galega e portuguesa visitamos a localidade veciña de Gordoncillo (León), onde se puideron ver unha “paneira”, unha verdadeira fábrica de fariña da época da Guerra Civil e as adegas Gordonzello creadas na década de 1990 e hoxe cunha produción de viño dun millón de litros, coa elaboración de caldos tan importantes como Peregrino, e que creou máis de trinta postos de traballo, unha inciativa de veciños deste concello. Un verdadeiro exemplo de como se crea riqueza coas propiedades de varios veciños que se xuntaron nunha Sociedade Anónima.

Máis que satisfeitos coa acollida dispensada polos nosos irmáns casteláns, non puidemos senón desexar que en vindeiras ocasións a nosa hospitalidade lles resulte tan grata como a nós a ofrecida por eles.

Saúde e Terra

Agosto de 2016