BREVE RESUMO ROTEIRO VÍA XIX

ASOCIACIÓNS ARUMES DO CORGO E AMIGOS DO

PATRIMONIO DE CASTRO VERDE

Sábado, día 20 de febreiro de 2016

Nunha soleada mañá de mediados do mes de febreiro de 2016 comezamos o noso roteiro coa visita aos restos da Vía XIX que temos ao pé do campo da festa e capela das Virtudes de San Miguel de Pedrafita (O Corgo). Logo das explicacións do profesor emérito da USC Antonio Rodríguez Colmenero e de Mario Outeiro, aos que agradecemos desde aquí as mesmas así como que nos tiveran acompañado ao longo da mañá, algúns participantes visitaron a fonte dos milagres e exteriores da capela (podedes consultar información en: http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.2118.php)

Tras breves pero ilustrativas visitas ao campo e pazo de Adai, a San Martiño de Perliños, e a restos da Vía XIX, a camiñata como tal iniciouse na ponte de Galiñeiros, onde se xuntan os dous regos que conforman o río Chamoso: o que vén de Pena – Bolaño – Rodinso e os regos que veñen da Serra de Monciro desde Córneas – Vilaxurxo – A Pallota en Castro Verde. Desde a ponte de Galiñeiros enfiamos a Arximil e desde alí, por unha alternativa á traza actual da Vía, puidemos ver un miliario cristianizado; e a poucos centos de metros, un fermoso lugar, San Bartomeu de Chamoso. Mágoa o seu estado, como moitos de Castro Verde… Quen o puidera rehabilitar, mais que continuase coas estruturas e estado actual. Saíndo de San Bartomeu por unha fermosa corredoira e por medio de altas e densas carballeiras fómonos achegando a Coeo, vistosa parroquia, con fermosas e importantes casas, cunha grande igrexa e restos de miliarios. Pasada esta aldea tomouse camiño en dirección a San Mamede dos Anxos, cruzando xunto da Ermida do San Amaro (ata hai pouco coñecida como Fortaleza do San Amaro; ver información en: https://www.facebook.com/929206073837352/photos/a.935302073227752.1073741828.929206073837352/956941534397139/?type=3&theater) para ir pouco a pouco achegándonos a Lugo.

Reinvindicamos a recuperación da traza da Vía XIX, xunto coa limpeza e mantemento de lugares en mal estado e con mala sinalización. Isto acontece sobre todo no concello de Lugo, destacando o grave feito da ausencia total de indicadores xa preto da capital, desde San Fiz ata Montirón.

Saúde, Terra e Lingua.