Como moitos/as xa sabedes, dende a Asociación Terras de Lugo estamos a desenvolver o proxecto “Elaboración de documento marco para planificación interpretativa do territorio de actuación da Asociación”. É dicir, a elaboración dun documento que nos serva como punto de partida para comezar a curto prazo, unha promoción coherente, homoxénea e participativa do patrimonio da Comarca de Lugo a través de técnicas innovadoras.

En prol de dar a coñecer as características deste proxecto e de recabar opinións ao respecto, organizamos unha xornada de difusión aberta ao público. Será o sábado 26 de setembro de 12:00 h. a 14:00 h.

Cada ano realizamos unha xornada divulgativa sobre proxectos que desenvolve a Asociación no territorio. Xa levamos unhas cantas dende que comezou a nosa andaina aló polo 2008, sempre rotatorias procurando que cada ano fose nun concello distinto. Como este é o derradeiro do período LEADER 2007-2013, ímola facer no único que nos queda: Outeiro de Rei.

E preguntarédesvos… onde? Pois no auditorio da Casa-Museo Manuel María; e volverédesvos a cuestionar… por qué neste lugar? A resposta é doada e obedece aos criterios que se seguiron durante estes anos:

– É un proxecto financiado polo programa LEADER polo que tamén conseguimos darlle certa difusión á nosa laboura como Grupo de Desenvolvemento Rural.

– En canto a interpretación trátase dun lugar idóneo polo que representa.

– É un espazo cun valor engadido incuestionable e está xestionado por unha entidade activa que traballa en prol da posta en valor da cultura do noso territorio.

Pero aínda hai máis: para aqueles/as que teñan ganas de coñecer este marabilloso concello, organizamos unha andaina pola ruta de sendeirismo homologada “Miradoiro da Terra Chá (PR-G 155)”. Trátase dunha ruta circular, duns 10 quilómetros, asequible e que se pode facer en menos de 3 horas. Caracterízase por pasar por un dos lugares máis máxicos da Terra Chá: Penas de Rodas e por un dos miradores coas vistas máis espectaculares desta extensión: A Cruz de Paraños (614 m. de altitude). Inicarase o percorrido en Francos (a carón da casa de turismo rural Reboreda de Abaixo) ás 16:30 h. para rematar no mesmo lugar sobre as 19:30 h.

Entre estas actuacións, aproveitaremos para xantar nun restaurante da vila sobre as 14:15 h. O prezo do menú é de 20 € por persoa, e é preciso confirmar asistencia antes do día 23 de setembro para rerservar praza. Podes facelo a través dos medios de contacto coa Asociación Terras de Lugo que atoparás ao final deste correo.

Achegamos o cartel co programa da xornada por se nos podedes axudar na súa difusión, así como tamén o cartaz da ruta de sendeirismo para que teñades de primeira man as súas características e trazado.

Agardando a vosa presenza, recibide un cordial saúdo.

CARTEL_PROGRAMA_XORNADA.pdf

cartaz_Miraodiro_Terra_Cha.pdf