Cautivo y desarmado el Ejército Rojo…
Estes días de convulsión política, de alternancias, son axeitados para escarmentar dos erros e dos abusos pasados. Agora os desarmes son dialécticos. ¿Escarmentaremos? ¡E menos mal que os votos son periódicos, e non aquel papeliño de Burgos, indefinido, que anunciaba: “Cautivo y desarmado…” ¡Xa; o Exército inimigo, pero, Galicia? ¡Galicia estivo, e seguía estando, cativa e vencida: desde o 36 non levantou cabeza, ou pouco, ata avanzados os Cincuenta, e para iso grazas ao noso oficio de vellos emigrantes, remitentes de divisas!
¡Se as lareiras falasen, se falasen os potes baleiros, e de paso as bancas, as da lareira, só con mulleres, vellos e nenos, daquela os nosos clamores chegarían ao Sétimo, ao Sétimo Ceo, ese dos mouros, tantos que estivemos mantendo, dentro e fóra de España! Para eles non houbo problema: uns, porque se foron do as hurís os agardaban, e os outros porque pasaron a cobrar senllas pensións: eles, as viúvas e mailos seus fillos; os de aló, pois os de acó, froito de tantos miles de violacións, incontables, quen os criou?
Xa o teño dito, moitas veces, pero debo ser o único pois aínda me falta velo por escrito, fóra dos meus papeis: A guerra de Franco ía ser dubidosa se nos fosen as carnes da nosa Galicia, tantas reses requisadas nas nosas feiras, e tan ricos que se fixeron aqueles requisadores! Coñezo algún dos seus netos, así que podo dar testemuño de que, riquezas mal ganadas, mal levadas, soen acabar en crebas empresariais monstruosas, notorias.
Naqueles tempos o lume das nosas lareiras só quentaba o pote do caldo, e tamén a caldeira dos nabos, pero, o que é ás persoas? ¡As persoas tiñan o frío na alma, e por ende, no corpo! ¿Quen consola a unha nai que lle levaron ao seu Isaac para ofrendalo no altar do deus Franco; ou a unha esposa, viúva de vivos, de vivos con gran probabilidade de chegar a defuntos, que os despediran na porta da eira cando saían para a fronte, ou para a Marronda, a esconderse, con nenos no colo, e se cadra outro no ventre?
As mesmas brasas escasearon, que non quedou quen repolase, ou arrincase as xestas da chousa, ou fendese estelas… ¡O único fendido naqueles tempos era o corazón, fendido coa macheta das bágoas!
De cando en vez chegaba unha carta, ¡previa censura, por suposto!, pero non se lían, non se repasaban á luz da lareira…, para que só a sufrise aquel a quen viña destinada! Todas dicían igual, todas mentían…, tentando tranquilizar, pero resultaba inútil pois as balas óense co entendemento aínda que non sopren nas nosas orellas, nin a vexamos pasar, vir! As cartas era o único que se lles ocultaba ás lareiras, pero sabíase delas polos tremores das mans: primeiro, nos días de espera para recibilas, e despois na outra espera, na de agardar pola resposta, sempre na incerteza de que a houbese!
A ausencia das persoas, complicada coa ausencia dos produtos, incluso dos propios, polas requisas anteditas, polas entregas forzosas, por todo aquilo que non chegaba, ou non se alcanzaba o prezo, anularon aquel dito castelán de que, Los duelos con pan son menos. Había duelos, máis dos resistibles, e o pan non sobraba. O que nunca faltou cabe das nosas lareiras foi o rosario en familia, unha proba máis de que son boas as calamidades, as crises, para acordarnos de Deus e da Virxe; ¡que lamentable é que teña que ser así!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta