CULTURA HERDADA

-I-

EVOCACIÓN DAS ESCOLAS DOS VOSOS AVÓS

Antiga escola de Maxide, (Montecubeiro),

co seu emblema enriba da porta, no alto das escaleiras.

No concepto “instrución popular” metíase a lectura, escritura á man, e mailas catro regras aritméticas. ¡Non era moito, pero era o básico, que menos houbo no XIX, particularmente para as nosas avoas, aquelas que firmaban co polgar tinguido! ¿Esa bula das nenas? ¡Librábanas daquelas escolas de a ferrado considerando “que non tiñan que ir polo mundo”, nin servir “ao Rei”, nin enfrontarse aos documentos habituais: obrigas, permutas, dotes, ventas con ou sen “pacto de retro”, partillas, etcétera! ¿Favor que lles facían? ¡Miñas pobres, que nin voto tiveron ata o ano 1931, e para iso, grazas a quen, grazas ao dúo Campoamor-Cordero Pérez!

Pero tampouco folgaban, uns e outros, pois o neno rural saturábase, mañá por noite, desde a caneta, particularmente con seus avó, dos saberes infindos do seu medio. Para empezar, un vocabulario extensísimo, pragmático, medio recollido, recollido a medias nos dicionarios actuais, que ía desde a flora á anatomía dos animais sacrificados. Por exemplo, da “Lección de Anatomía”, de Rembrandt (do Dr. Deyman), aínda que non ardese parcialmente o cadro, pouca lección podía deducir un rapaz, pero poñámolo diante de seu avó naquelas meticulosas, comentadas, aperturas en canal dun porco… ¡Como para aprobar nunha Facultade de Medicina!

A enciclopedia das tradicións orais, se a houbese, non tería índice, pois, de tantas que tivemos, resultaríannos de difícil clasificación. Unha aproximación, unha mera aproximación, podería ser esta:

-Crenzas, positivas e negativas, chamándolles así aos saberes diabólicos, ás supersticións; en definitiva, aos pousos do noso paganismo, tan presentes, aínda, a mediados do XX. Para evoca-los principais, só da nosa bisbarra, habería que montar outra enciclopedia.

-A ética, dimanada dos comentarios moralizadores xurdidos, analíticos de mil casos coñecidos. ¿Que neno de hoxe en día se forma con mil biografías de tipos populares, uns imitables, estimulantes, e outros repudiables, todos eles preceptivos en boa pedagoxía?

-Os alcumes, sempre definidores, que tanto axudaban a coñece-la xente, a fomenta-la observación psicolóxica.

-A toponimia menor, esa historia permanente do máis importante para a vida lugareña, verdadeiras decantacións.

-Os refráns, esa experiencia milenaria, sopesada, contrastada, que tanto nos levaba, ou podía levar, da man titora que os aportaba, que nolos explicaba.

-As feiras, media carreira de Economía para quen lles prestase atención.

-Os oficios, mil artes, ou mil mañas, segundo os contemplásemos ou participásemos activamente neles.

-¿En Arquitectura? Unha casa rural, das ben feitas, -casa e alpendres-, amén da capela e/ou da igrexa parroquial, dan para tres anos de carreira especializada a pouco que consideremos a elementalidade das ferramentas utilizadas.

Un etcétera interminable que, xa que vai por vía de exemplo, pararémolo aquí.

Hoxe fálase moito de reciclamentos, de formación permanente… Un labrego – labrego, daqueles, que iso de gandeiro é unha abreviación nosa, contemporánea, desde o arado (para os días de sol) ao seu taller artesán (na palleira, para os días malos e/ou de vagar), se hoxe o convertésemos en carreira universitaria, co preguiceiros que nos volve iso que chamamos ilustración, sería unha carreira longa, pero deserta, porque ninguén se atrevería con ela.

…/…

Xosé María Gómez Vilabella