A peseta ben ganada e mal usada.

Estásenos informando que o capital español “abeirado” en Suíza anda polos 20.000 millóns de euros, non baixando dos 4.000, tamén millóns, o “agochado” en Andorra. Este tesouro, que deixa atrás, no tempo pero tamén no volume, aquelas fabulosas minas do Rei Salomón, os evasores, entre eles os políticos, están saíndo cotrosos ante a opinión pública. Pero hai que ir máis alá, á cause éloignée desta…, ¿moda?

A causa remota témola na explotación colonial: co ouro e coa prata de América importabamos o que outros países se esmeraban en producir. Malogrado o colonialismo, naceron as remesas dos emigrantes, fluxo singularmente galego. E por último, o turismo.

Os nosos emigrantes, criados en míseras pallotas de par dos suntuosos pazos dos seus foreiros, ademais dos derrubamentos da guerra incivil pola península abaixo, cobizaban vivendas dignas, e a elas, á súa especulación, como é ben sabido, pasaron as primeiras das súas remesas. Ata aquí o necesario, pero coa especulación do necesario veu o acaparamento, a desviación.

Se os nosos políticos, ao longo do XX, puxesen acento no ensino científico, se a técnica auspiciase unha vocación de engadir valores; en definitiva, se exportásemos a partir do noso equilibrio económico, aquí fumearían as fábricas, os técnicos serían valorados, honrados, e as economías de escala, en lugar de viaxar, converteríanse en valores industriais.

¿A onde quero chegar? ¡Xa cheguei: á inmensa responsabilidade, crime de lesa Patria, a de toda unha xeración de educadores, desprotexidos, mal informados e mal dirixidos, que ensinaron a exportar…, diñeiro, en vez de mercancías!

Xosé María Gómez Vilabella