Quen se acorda das quintas?

¡Pois hóuboas, aínda onte, e boa / mala repercusión que tiveron no desenrolo, na cultura e no normal vivir / convivir das nosas aldeíñas!

Eu, subxectivamente, son un caso á parte, xa que me incorporei voluntario, con dezaoito e por tres, ao Ministerio, coa intención de poñerme ao Bacharelato, e prepararme, no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, para as oposicións do Banco Exterior de España. Por estas circunstancias xulgo que podo ser obxectivo: non vou falar do meu caso, pero tampouco estou influído por el.

Se botásemos man das estatísticas correspondentes, que non as teño, pero tampouco se precisan porque é evidente, comprobaríamos que Galicia foi a rexión máis sufrida, máis afectada, por cuestión de quintas. Para comezar de lonxe, a Reconquista fíxose con efectivos galegos maiormente; a tal punto fomos utilizados que o propio Conde de Lemos participou nas guerras de Ganada con paisanos seus, que lles pagou con terras abandonadas, reconquistadas, aló nas Alpujarras. E vindo á Contemporánea, Franco ben deitou dos seus galeguiños para ter de carne de canón en abundancia, ademais dos nosos xatiños: ¡aquelas feiras de Castroverde nas que marcaban, a fortiori, para o Exército! Víñase dando a circunstancia de que, fose por alimentación ou salubridade climática, as proles galaicas eran particularmente numerosas, así que, salvo aqueles que foron embarcar á Marola, para fuxir das quintas, todo por aquí poucos estaban en condicións de pagar cotas (seguros). ¡Todo por la Patria…, a cambio de ben pouco!

Galicia, eminentemente rural, tamén era, penso, a rexión menos preparada para o ambiente cuarteleiro: Pouca relación social fóra da parroquia, sen unha disciplina de horarios e de traballo, e por engado, o castelán imperante nas milicias!

A cousa tiña de positivo que os varóns, coa “espada de Damocles” dos recrutamentos enriba, medrosos e preocupados polas continxencias que lles agardaban, esforzáronse en aproveitar aquelas escoliñas de “a ferrado”. Na muller, nas rapazas, con iso de que todas libraban de servi-lo Rei…!

¿Que levaban e que traían os nosos soldadiños? En xeral, medo; como pouco, ese medo natural ao descoñecido, incrementado en quen vivira illado dos grandes núcleos de poboación. Á volta fardaban: das súas valentías, dos seus feitos, do moito que os querían e apreciaban os seus superiores…, pero os paisaniños tiñan que ver para crer. ¿E os que volvían enfermos, particularmente os do “mal africano” que tanto abundaba alén do Estreito? ¿E os que non volvían? ¡No desastre de Annual, do ano 1921, calcúlase que máis da metade, entre mortos e desaparecidos, eran galegos!

Os que contaban a verdade tinguíana de dramatismo: Cortes de pelo ao cero, aquilo de limpar as botas sen ter con qué, os malditos xergóns, as madrugas a toque de corneta, fose inverno ou verán, labazadas e arrestos sen saber ben o motivo, gardas de frío e de pánico, a miseria da “soldadiña”, unhas ordes que nin o demo entendía… O medo, ¡os medos!, non só se daban en tempo de guerra, senón, e particularmente, en África. Non se me borra a imaxe dun soldado desta bisbarra ao que lle impedín que me pedise de xeonllos que o recomendase para que o mandasen, mesmo de “lavabragas”, de asistente, porque o tiñan colocando campos de minas e explotábanlles de cando en vez.

Por medio, algo de positivo había, tiñan, en particular polo século XX arriba: A academia de analfabetos, a relación con persoas de distintas procedencias e de niveis sociais variados, cultivo do compañeirismo, endurecemento para facer fronte a molestias e calamidades que lles puidesen sobrevivir, etc., non sendo menor a consolidación do apego familiar, ¡tan botado en falta! Despois de pasada, esa disciplina non era mala para o licenciado porque tiraba dela un sentido distinto, máis aberto, da vida social.

Os rapaces nados no 1982 foron os últimos que se incorporaron, no ano 2001, para finalizar as súas obrigas antes do 31 de decembro dese ano, data límite do SM, pois en xaneiro do 2002, as Forzas Armadas (FAS) españolas foron, comezaron a ser, absolutamente profesionais, integradas por persoal voluntario. ¡Isto foi…, onte!

Xosé María Gómez Vilabella