Eu son…
¿E logo, vostede, de qué familia vén a ser? Esta enquisa oíase, moito, polas terras de Castroverde, nas presentacións, pois na miña bisbarra á casa, á familia, tiña, e dábaselle, personalidade propia. Aínda hoxe vemos algunhas reminiscencias nas necrolóxicas que poñen o alcume da casa para mellorar a identificación ou localización das exequias.
Culturalmente, aquilo era un paso, un brinco, un salto, desde o tribalismo ao individualismo desgarrado actual. Foi desaparecendo o minifundismo nas fincas grazas ás compras, permutas e / ou concentracións parcelarias, aínda que logo haberá que dicir que cada parroquia é una leira, e para iso, a monte, pero no que atinxe ás persoas tan minifundistas somos, ou nos volvemos, que xa non teño límites, non confino cos parentes: ¡Eu, eu só! ¿Isto é elevarse? A min paréceme que é minguar, rever.
Cando había máis interrelación familiar na personalidade de cada quen sumábase “a casa”, “a casa Tal”, “a familia Cal”. Hoxe en día tan prepotentes nos cremos que ata sobran os connubios: “Aquí a miña parella”. ¿Logo é “parella”, xa non son a mesma cousa, nin sequera aquilo da, “unidade de destino no universal”? Da unión sempre saíu a forza, pero, da desunión?
E digo eu, non será que de tanto facernos os sabidos chegásemos ao convencemento, infundado por suposto, de que somos tanto, estamos tan altos, que nos endeusamos? ¡Coidado coas unidades de medida, pois para medirnos, para auto cualificarnos, non hai ningún “metro” estático, que varía segundo tempos e circunstancias!
¿Signos externos da nosa valoración? ¡Cantos se queiran, que mirade se nos consideramos importantes que xa non pedimos de favor que nos digan por onde case a rúa Tal ou o monumento Cal! Habería que inventar unha fórmula que demostrase, que explicase, que o home / muller altivos, soberbios, individualistas, realmente son máis cativos cós sinxelos, cós humildes!
Sobre isto de coñecerse (e por tanto, valorarse) a un mesmo vou citar a Alfonso Aguiló, que di: O autocoñecemento supón sempre unha labor ardua, e que, en certa forma, non acaba nunca, (porque), nunca acabaremos de coñecernos de todo: o home ten algo de misterio, sempre hai algo del que se lle escapa, que vai alén da súa propia intelixencia. O home, cando dirixe a súa ollada cara a si mesmo, moitas veces ten que deixarse levar por suposicións. Intúe a dirección por onde debe dirixirse á meta, pero con frecuencia descoñece a realidade mesma da meta. Podemos dicir que ten de si mesmo un coñecemento progresivo. Porque tampouco sería certo falar de descoñecemento. Aquel que se esforza por coñecerse, lógrao!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta