Entre marzo e abril…
Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, que coa neve non quere vir. Mirade se é “cuco” que pon os ovos nos niños alleos…, para que lles críen as crías! ¡O inventor dos paraísos fiscais foi o cuco!
Tanto en Galicia como en Portugal, (¿que é Portugal senón a Galicia do Sul?), ao cuco sempre se lle deu culto: ¡Anuncia a primavera!
Estava na floresta, um cuco a cantar.
Por trás de uma giesta, nós fomos escutar:
Cú-cú, cú-cú, cú-cú, cú-rú-cú-cú.
Cú-cú, cú-cú, cú-cú, cú-rú-cú-cú.
A propósito: esquecédevos un pouco dos eucaliptos, que son australianos, que nolos trouxo de Australia, en mala hora, o Padre Rosendo Salvado, e limpade os castiros, que deben ser podados no cuarto minguante da lúa de marzo; os carballos, máis bravos, quérena crecente.
Marzo, ademais do cuco, traía as merendas; o equivalente do tea time das cinco, dos ingleses; eles, té con pastas; e nós, pan e queixo da vaca marela. Pero o problema non era merendar senón almorzar: ¡Pobre daquel rapaz / rapaza que o pillase o cuco co xaxún enriba: capábao, de por vida! De alí en diante xa podía pensar nos sobriños, porque o que é fillos…!
Agora, que ata nos cambiaron de día o San Xosé, estamos, vivimos, noutro mundo: ¡Os “cucos” son outros!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta