AQUELES ZOQUEIROS, MÉDICOS ESPECIALISTAS

Fóronse, acabáronse, e para iso sen pena nin gloria. Fleming, aquel médico cultivador dos fungos, ben homenaxeado foi, con rúas dedicadas e todo iso, pero, ¿quen se acorda dos zoqueiros, eses especialistas que tanto fixeron por erradica-los fungos dos nosos pés?

En Mondoñedo retratáronos, que xa é algo, pero, noutros sitios, nin iso!

Un dos defectos da especie humana é ser desagradecidos; neste caso desagradecidos con aqueles “especialistas” que tanto fixeron pola saúde do pobo, do rural.

Para mante-la temperatura óptima dos pés, no exterior, se entende, onde non é factible usar zapatillas á intemperie, só cabe superpoñer calcetíns ou elixir un bo calzado. ¿Un bo calzado, no rural? ¡As zocas!

Analicemos, demostremos: No interior, agora que non hai lareiras, zapatillas, ou poñelos en auga quente. Os naturistas recomendan cambiar de calcetíns varias veces ao día, utilizando, preferentemente, materiais absorbentes, como é a lá; a lá mellor có algodón.

Un dos problemas, e non é o máis comentado, é o dos fumadores, ¡menos mal que xa quedan poucos!, porque a nicotina produce mala circulación sanguínea, que afecta moito aos pés.

A todo isto, ¡cantas enfermidades evitaríamos / curaríamos nós, aqueles zoqueiriños de illo tempore! Para iso non hai estatísticas, porque son / foron infinitas. Estoume referindo, por suposto, as zocas ben feitas, de madeira axeitada. Un zoqueiro tiña que ser, era indispensable que fose, un bo anatomista, capaz de baleirar a imaxe exacta de cada pé, medida a medida, e xa non digamos as das mulleres, pois elas, ¡benditas sexan!, cos seus pés anxelicais, requirían un esmero, unha atención meirande. Ocasionarlles calos as rapazas con unhas zocas que non fosen axeitadas, aínda que non adoitásemos confesalo, era pecado mortal. ¡Por algo se lle chamaba legre ao instrumento do legrado, do baleirado das zocas, pois con el, de ben ou mal manexado, saían paraísos ou infernos!

Xosé María Gómez Vilabella