¡Eu tamén son portugués!
¡Eu tamén son portugués, gallaécico en definitiva! Nacín no Portugal do Norte, pero iso non me priva de ser da mesma familia! Para comezar, alumaron o meu amencer con idéntica lucerna, pois nos 30 aínda había, no meu Castroverde, alternando coas de petróleo, estas de aceite.
En forma de vieira. Lámpada de graxa ou aceite,
que se conserva no Museu da Lucerna,
en Castro Verde.
¿Cómo non lles vou ter envexa aos meus irmáns de Portugal se ata teñen un Museo das Lanternas, mentres nosoutros xa esquecemos, incluso, aquelas fachas de palla de mediados do XX?
Despois veu a cera, e máis tarde, o petróleo, que conviviu coa cera unha porrada de lustros; o petróleo, cando a incivil, vendíase de estraperlo, e petróleo houbese, que sempre estaban secos aqueles depósitos de folla de lata, fosen simples candís ou farois con cristal; para aforrar, o tizón nunca pasou de moda ata ben avanzado o XX, e tampouco se esquecera o fachuzo de palla, que, de ben atado, aguantaba todo o recorrido dunha aldea para a outra.
Non estou falando da prehistoria senón do XX, onte mesmo, pero, ¡como non temos museo etnográfico, quen me vai crer? Seguro, seguro que a última xeración, esa que está hoxe nos Grupos Escolares, está desexando que morra este vello para que deixe de contarlles trolas indemostrables.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta