Vasos comunicantes
Transferencias, complementariedades, interaccións, equilibrios entre campo e cidade: simbioses en definitiva! ¿Quen dá a quen? O que está claro é que o home, a Deus, só lle pode dar as grazas, pero aquí abaixo demos en deificar a cidade, ¡o ídolo da Contemporánea!, e vai ser cousa de equilibrar a balanza…, se non queremos comer tixolos!
¿Quen pode negar que, primeiro entre a cidade e mailo campo, e despois do campo á cidade, sempre houbo, e sempre haberá, vasos comunicantes? Os aires puros ían do campo, ¡para comezar, a clorofila!, mentres a cidade se comprace en remitir as súas toxinas…, para que llas purifiquen no bosque! Pero a auga de colonia…, non é tóxica! ¡A colonia, non, os perfumes das damas coido que non, pero, as cloacas, si, tanto se verten no campo coma se o fan no mar?
¡A pureza, a mellor de todas, estaba na cinsa, precisamente na cinsa, naquela cinsa das lareiras! A carón do lume, ¡ese lume que o purifica todo, de feito nas casas, e que o arruína de feito no campo, malditos pirómanos!, aqueles avós, aqueles pais…, cánto non purificaban na prole! Non houbo, nin haberá, mellor escola, dentro das limitacións da época! Da lareira saíron virtuosos, pero, emigraron… ¿A onde? ¡Que máis dá Sodoma que Gomorra, se ámbalas dúas son, ou eran, cidades! ¿Non hai depuración nas cidades? ¡Si que a temos, pero é de mecanismo lento, pois resulta máis difícil reformar que formar! A aldea formábanos no natural, pero á cidade fórmanos no artificial, niso que chaman, de mal nome, ciencia.
Viñeron, xurdiron, os arquitectos, arc = xefe; e tekton = construtor, que, de tan listos que eran, ou se crían, entroulles a soberbia, e dixéronse: Deus creou as árbores; pois nós, que tamén procedemos do Olimpo, rañaceos! O pero foi que, mentres non se inventaron as grúas, eran os desertores dos arados os que tiñan que subir as pedras; fuxiron das areas das súas agras para upar nos bloques das canteiras! Niso tamén lles ganamos aos burros, pois nunca se viu un burro que viaxase dacabalo doutro. ¡Adiantos da tecnoloxía!
Cando toque demoler os rañaceos, ¿a onde levaremos os seus restos, enterrarémolos nestes ocos de onde saíron as materias primas? ¡Vedes como é inevitable devolverlle ao campo o que é do campo!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta