A CALOR DAS LAREIRAS
As lareiras eran moito, pero non o eran todo pois nelas oíase pero non se vía, a diferenza do que pasa agora con esa entremetida á que chamamos “tele”, e por veces, “telegaita”. Poño por caso, para ver un morreo de rapaces tiven que ir á escola; ¡si, si, á escola!
No recreo, en días fríos, cruzabamos o curral, a cen, para acudir á lareira, na cociña vella de Candal de Maxide, onde a señora María Manuela, sen omisión algunha, ¡Deus llo pague, que de seguro xa lle pagou, tan santa que era!, non regateaba estelas para que non se lle apagase a fogueira dos rapaces. Un daqueles días, despois de quentar as mans, sentín unha necesidade, outra, así que crucei a eira para ir ao horto, alí por trás das loureiras. ¡Que espectáculo, miña madriña: o Antonio de Maceda, un grandallón, que seguía indo á escola por xenerosidade de don Jesús, que nunca llela negou aos mozos, así estivesen licenciados do Exército, á hora do recreo escapulíase, a saber por onde e para onde, que nunca o vin quentando as mans, estaba alí no horto, pegadiño á criada da casa…, dándose un morreo, ao estilo destes que se ven agora na Tele!
Eu, non sei se pícaro ou discreto, agacheime detrás dos ramallos dunha loureira, cos ollos tan abertos coma os dun león; evacuei, abotoei o calzón, pero…, eles seguían! ¡Que boa cousa debía ser aquilo para que tanto tempo lle botasen, e logo que nin oían ni vían a intromisión do neno!
Ao día seguinte, coa mala idea de espreitar desde as ventás do colexio, díxenlle ao Mestre que non ía saír ao recreo para rematar aqueles problemas que nos puxera no encerado, que se me atravesaran. ¡Mentira; o que se lle atravesara ao traveso era a malicia de ver un novo capítulo daquela serie! Os problemas do encerado remateinos, e ían ben, pero o que foi mal era a miña espreita pois aquel día…, non acudiron ao horto! ¡Igual estaban na palleira, arrincando feo para dárllelo ás vacas! Cando volveron a entrar, os do recreo viñan coloradiños, nenos e nenas, pero en particular Antonio, o mocetón; tampouco souben se aquel día estivera na lareira, cos cativos, ou arrincando herba; se foi isto último moita deberon arrincar, para que tan colorado viñese!
Aquel ensaio debeu ser frutífero, que non tardaron en casar, ben namorados, supoño, a xulgar pola cantidade de fillos, fortes e guapos, que criaron. Pola miña parte tampouco perdín o tempo pois aprendín fóra da escola o que nela, daquela, non ensinaban: Distinguir a Química Orgánica da Inorgánica!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta