Patrimonio = Herdanza común dunha colectividade,

e por ende, sacra, esixente, inalleable.

¿Qué xa non hai palla?

¡Pois cóbrese de lousa; todo, menos derribalo!

En verbas do propio Presidente da Xunta referíndose á nova Lei do Solo: “Será obligatorio finalizar el exterior de los inmuebles: fachadas, medianeras y cubiertas deberán estar totalmente finalizadas”.

Dá igual que se diga en castelán que en galego ou en sánscrito, o caso é facelo, que non sempre será doado, e máis agora, neste túnel da crise socio-económica que nos puxo á morte, ¡á morte socio-económica! Daquela, subvencionar a quen non pode por causa de infortunios demostrados, falecementos, etcétera, serán medidas sociais a estudar e a lexislar, pero o caso é que o feo só ten unha cousa de bo, que serve para resaltar a perfección do bo, do ben feito.

Fágao quen o faga, o caso é que ía sendo hora de poñerlle trabas ao feísmo, tanto dano que leva feito nesta Galicia edénica. Certo é que o herdamos todo, ¡ata nos xenes!, o bo e o malo, pero o feo debéramos / debemos refusalo ao adir as herdanzas sociais, esas que imos transmitindo, a fortiori, pois o único que se nos permite levar son os méritos das boas obras.

Con todo ser irmáns, e por tanto de igual raza, temos unha notoria diverxencia cos portugueses, pois eles, sempre, en todo tempo pero tamén en todo lugar, déronlle alta estima, inversión e dedicación, ao culto patrimonial. Nunca esquecerei que, cando a independencia do que fora Zona Francesa, en Marruecos, o embaixador de Portugal, referíndose aos restos do que foi o seu castelo, en Safí, díxolle a Mohamed V, textualmente: “¡Póñano visitable, e se non teñen dinheiro, pagámolo nós!”.

Deste tema podemos, e debemos, facer os estudos pertinentes, pero en realidade de verdade xa están feitos: ¡Só temos que imitar aos portugueses!

Xosé María Gómez Vilabella