O domingo 28 de setembro volvemos “Mollarnos polos Ríos”.
Calzamos as botas e pretendemos deixalos libres do lixo que segue a aparecer nas nosas ribeiras e ríos. Queremos uns ríos limpos, queremos poder disfrutar dos nosos sistemas fluviais e queremos concienciar á sociedade da necesidade de que estes estean ben conservados.
ADEGA-Lugo realizará a limpeza nas marxes do río Rato, na parte da cabeceira, onde se adoitan acumular unha grande chega de refugallos. Necesitamos da túa colaboración para poder retirar os residuos do río, e tamén para chamar a atención e concienciar a cidadanía de Lugo para que estas prácticas ilegais e incívicas deixen de realizarse.
A limpeza farase pola mañá do domingo 28 de setembro. Quedaremos cos voluntarios e voluntarias que desexen acompañarnos ás 10 horas no portal de ADEGA-Lugo, situado en Ronda das Fontiñas, 180. Para poder anotarse a esta actividade, debedes contactar previamente con nós a través dos seguintes números de teléfono: 982240299 e 678810217 (Xosé Manuel).
Como en anos anteriores, ADEGA e o Proxecto Ríos entregarán aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, as tradicionais camisetas para o voluntariado e o material preciso para realizar a limpeza.
Agardámosvos!
Deixa unha resposta